Pasar al contenido principal

A USC súmase á celebración de 2018 como Ano da Non Violencia cunha xornada de formación e divulgación na Casa do Saber

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, abre este venres, ás 9.30 horas, un programa de relatorios que continuará en quenda de tarde

A Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo súmase á celebración dos actos conmemorativos de 2018 como Ano da Non Violencia coa organización dunha xornada monográfica sobre a paz que se desenvolverá este venres 19 de outubro, a partir das 9.30 horas, no auditorio da Casa do Saber.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, abrirá o programa cun breve acto de benvida ás persoas participantes. O investigador ‘Ramón y Cajal’ da USC Antonio Míguez Macho abrirá a quenda de relatorios cunha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘A invención da paz’.

O catedrático de Antropoloxía da Universidade Rovira i Virgili, Jordi Roca Girona, ofrecerá de seguido o relatorio ‘Morrer de amor. As consecuencias perversas do amor romántico’, no que se achegará á problemática da violencia de xénero. A actuación musical de Blanca Villares e Pablo Pintor pechará o programa matinal.

O catedrático de Antropoloxía da Uned Julián López García abrirá a quenda de relatorios da tarde cunha intervención que leva por título ‘Radiografía da represión franquista e formas de resistencia na Mancha’. De seguido, o catedrático de Historia da USC e da Universidade de Munich, Xosé Manoel Núñez Seixas, pechará o programa de intervencións co relatorio ‘Conmemorando a Rosa Branca: A non violencia nunha sociedade totalitaria. O caso do nazismo’.

A xornada promovida desde a Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo co gallo da conmemoración de 2018 como Ano da Non Violencia chegará ao seu colofón un recital poético a cargo do poeta e profesor da USC Claudio Rodríguez Fer.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.10.2018.