Pasar al contenido principal

O reitor Antonio López reitera “o compromiso da USC con Lugo” ao recibir a Medalla de Ouro da Cidade

Antonio López recibe a Medalla de Ouro da Cidade de Lugo, de mans de Lara Méndez
Antonio López recibe a Medalla de Ouro da Cidade de Lugo, de mans de Lara Méndez
“O Campus de Lugo é unha realidade construída entre todos, da que debemos sentirnos orgullosos”, salienta Antonio López, que ve neste recoñecemento “un aliciente para que a USC reforce aínda máis a súa aposta pola sede luguesa”

O reitor da USC, Antonio López, reitera “o compromiso da USC con Lugo” ao recibir a Medalla de Ouro da Cidade e fai un chamamento a “crer e a seguir a confiar na Universidade, unha institución conectada coa esencia da capital luguesa e da súa provincia, así como como do conxunto de Galicia, que traballa para continuar no futuro cos avances e coas sinerxías positivas experimentadas ao longo do último medio século”.

Agradecido polo recoñecemento que supón a concesión da Medalla de Ouro da Cidade de Lugo, unha distinción explícita do Concello de Lugo ao Campus Terra, tal e como se denomina o campus de especialización da USC na súa sede luguesa, Antonio López lembrou que “todo comezou hai 50 anos”, para logo afirmar que “o Campus de Lugo é unha realidade construída entre todos e da que debemos sentirnos orgullosos”. A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, abundou nestas verbas, ao poñer en valor “a importancia da USC e, nomeadamente, do seu Campus Terra, na dinamización da cidade e da provincia como ente creador de emprego innovador”.

“A reforma educativa de 1970 foi un pulo importante para a implantación da Universidade en Lugo e permitiu dar continuidade a proxectos anteriores non menores como o foran as escolas universitarias de Maxisterio (1842) e Comercio (1945), así como creación da primitiva escola de Enxeñaría Agrícola (1963)”, sinalou López, quen tamén apuntou como fitos importantes para que Lugo consolidara a condición de cidade universitaria a posta en marcha, a petición do Concello e da Deputación Provincial, a posta en marcha do primitivo Colexio Universitario (1972) e a posterior creación da Facultade de Veterinaria, inaugurada en 1983 e do hospital Rof Codina, e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, que ampliou a formación das escolas de agrícolas coa implantación dos estudos superiores de Agrónomos e Montes.

Estes antecedentes forneceron a realidade actual do Campus de Lugo, nos que a USC imparte máis de 30 titulacións de grao e mestrado, ademais de nove programas de doutoramento, unha oferta que resultaría inviable de non ser polo continuado apoio recibido do Concello e da Deputación de Lugo, así como da Xunta de Galicia, salientou Antonio López.

O reitor recoñeceu asemade que a concesión da Medalla de Ouro da Cidade supón un novo aliciente para que a USC reforce a súa aposta e afiance aínda máis a súa pegada en Lugo, tal e como apuntan algúns dos indicadores rexistrados ao longo dos últimos catro anos, nos que o alumando da sede universitaria luguesa medrou un 40% ata situarse preto dos 4.200 estudantes. Do mesmo xeito, engadiu  Antonio López, o cadro de persoal do Campus tamén se incrementou neste tempo en máis de 60 docentes, ao igual que a actividade investigadora e a transferencia de coñecemento á sociedade e ao tecido económico e empresarial. “Este é o camiño a seguir no futuro”, afirmou.

Libro de Ouro

O reitor da USC, Antonio López, deixou constancia da gratitude coa que a institución académica recibe a máxima distinción outorgada pola corporación local “Con orgullo e gratitude recibimos esta medalla de ouro da Cidade de Lugo. Son 50 anos de Universidade en Lugo, aliñando docencia, investigación e transferencia arredor do sector primario e do desenvolvemento sostible”, reza o texto que precede a sinatura do reitor da USC, quen tamén manifesta o compromiso da institución para “continuar a desenvolver un cometido que resulte útil á sociedade á que nos debemos”.

A cerimonia de entrega das Medallas de Ouro da Cidade de Lugo 2022, un recoñecemento que tamén recibiron este ano entidades como  Auxilia, a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, a Sociedade Filarmónica de Lugo e, a título póstumo, o escritor Darío Xohán Cabana, congregou no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) unha nutrida representación da USC. 

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; a delegada para o Campus Terra, Elvira López Mosquera; a secretaria Xeral da USC, Dulce García Mella; a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e o adxunto á Vicerreitoría de Organización Académica da USC, Antonio Álvarez, acompañaron ao reitor na cerimonia de entrega desta distinción ao Campus Terra da USC, un acto no que tamén participaron os directores e decanos dos centros universitario do Campus de Lugo, así como outros docentes, directores de departamentos e de institutos de investigación da USC.

Antonio López asina no Libro de Ouro do Concello de Lugo, en presencia de Lara Méndez, Elvira López e Francisco Fraga
Antonio López asina no Libro de Ouro do Concello de Lugo, en presencia de Lara Méndez, Elvira López e Francisco Fraga
De esquerda a dereita, Pilar Murias, Antonio López, Elvira López, Lara Méndez, Francisco Fraga, Antonio Álvarez e Dulce García, no MIHL
De esquerda a dereita, Pilar Murias, Antonio López, Elvira López, Lara Méndez, Francisco Fraga, Antonio Álvarez e Dulce García, no MIHL
O reitor da USC e demais galardoados coa Medalla de Ouro Cidade de Lugo, xunto coa alcaldesa Lara Méndez, no MIHL
O reitor da USC e demais galardoados coa Medalla de Ouro Cidade de Lugo, xunto coa alcaldesa Lara Méndez, no MIHL
Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.11.2022.