Pasar al contenido principal

O Museo Casa de la Troya recibiu este ano un total de 2.281 visitantes, preto das cifras previas á pandemia

Foto de familia dos integrantes do padroado do Museo Casa de la Troya
Foto de familia dos integrantes do padroado do Museo Casa de la Troya
O reitor presidiu a xuntanza do padroado na que se deu conta da memoria de actividades desenvoltas ao longo deste ano, ao tempo que se avanzaron as previstas para 2023
Santiago de Compostela

O Padroado do Museo Casa de la Troya celebrou a súa xuntanza anual este martes 13 no salón reitoral do Colexio de San Xerome, nunha xuntanza presidida polo reitor da USC, Antonio López, e á que asistiron a primeira tenente de alcalde do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario do Padroado, Fausto Santamarina; o tesoureiro, Alejandro Otero; Juan Carlos Díaz del Valle, vogal; Agustín Pena, presidente de Alumni-Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela; xunto a Benigno Amor, presidente da Asociación Cultural-Musical de Antiguos Tunos Compostelanos e Amigos do Museo Casa de la Troya. Durante a reunión deuse conta da memoria de actividades desenvoltas ao longo deste ano, ao tempo que se avanzaron as previstas para 2023.

No transcurso da xuntanza informouse de que na tempada de apertura do Museo, que coincide coa Semana Santa e os meses de verán, recibíronse un total de 2.281 visitantes. Estas cifras representan un importante incremento e recuperación con respecto aos dous anos anteriores, marcados pola pandemia, nos que se achegaron 1.031 (2019) e 1.790 (2020) persoas. En canto á súa procedencia, a maioría dos visitantes deste ano chegaron de España (75%), fronte aos estranxeiros (25%). Por comunidades autónomas, a maioría veñen de diferentes puntos de Galicia (43%), seguidos dos de Andalucía (15%), Madrid (13%) e Valencia (8%). De Europa, a maioría chegan de Italia (34%), Gran Bretaña (23%) e Francia (12%).

En 2023, ano no que se cumpre o 30 aniversario da inauguración do Museo, continuarase coa liña de conservación e mantemento, a realización de visitas e actividades culturais, contando tamén coa colaboración da agrupación musical ‘Troyanos de Compostela’ como entidade vencellada á Casa de la Troya.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.12.2022.