O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades distingue a traxectoria da catedrática ad honorem da USC

A Profesora Mercedes Brea, catedrática ad honorem de Filoloxía Románica da USC, será homenaxeada no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH). O acto institucional desenvolverase o 15 de decembro ás 12.30 horas na sede do devandito centro, onde se procederá á presentación do libro Vieiros trobadorescos, resultado da compilación dunha serie de artigos da autora distintivos da súa investigación no ámbito da lírica galego-portuguesa.
Na súa dilatada traxectoria, a profesora Brea ten destacado pola súa faceta docente, investigadora e xestora, así como polo seu firme compromiso coa USC. Ata 2020, foi coordinadora do grupo de investigación Románicas, recoñecido polos seus méritos e logros no eido da Filoloxía e a Literatura Románica Medieval, e no seo do cal ten dirixido sucesivos proxectos de investigación e dirixido numerosas teses de doutoramento. Impulsou e coordinou a Rede de Estudos Medievais Interdisiciplinares, que resultou decisiva para establecer unha rede de colaboración e cooperación entre medievalistas de toda Galicia, así como especialistas doutras universidades. Aínda en relación cos estudos medievais, puxo a andar o Mestrado Universitario en Estudos Medievais Europeos: imaxes, textos e contextos e foi coordinadora do Programa de Doutoramento en Estudos Medievais. Ademais, a Profesora Brea exerceu diversos cargos de relevancia no seo da USC: foi directora do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico (1984-1990), vicerreitora de Profesorado (1987-1988) e decana da Facultade de Filoloxía (2000-2004).
A homenaxe que se lle rende no CRPIH é un novo recoñecemento á inesgotable actividade investigadora exercida pola catedrática estradense, labor que ten sido esencial e decisivo para situar a lírica galego-portuguesa no mapa dos estudos medievais. En colaboración co CRPIH, promoveu a investigación neste ámbito de estudos e o seu liderado foi fundamental para a constitución da Base de datos da lírica profana galego-portuguesa (MedDB), en liña desde 1996. Esta pioneira ferramenta facilitou o acceso de toda a comunidade científica ao corpus completo informatizado das cantigas galego-portuguesas, facendo posible a realización de toda unha serie de buscas que facilitaron significativamente a exploración das particularidades estruturais e formais desta produción literaria. Á aparición desta base de datos en 1996 seguiron outras ferramentas dixitais igualmente destinadas a mellorar o coñecemento sobre o noso acervo literario medieval: primeiro, a Bibliografía de Referencia do Arquivo Galicia Medieval (BiRMED), en 2006, e máis recentemente a Base de datos paleográfica da lírica galego-portuguesa (PalMed), en 2021.