Pasar al contenido principal

A USC iniciará o vindeiro ano o recoñecemento da carreira profesional do PAS e a avaliación do seu rendemento

José Ramón Bahamonde Hernández, Catuxa Lombao Vázquez, Javier Ferreira e Xosefina Rosa Guitián na sinatura do acordo
José Ramón Bahamonde Hernández, Catuxa Lombao Vázquez, Javier Ferreira e Xosefina Rosa Guitián na sinatura do acordo
Xerencia e representantes sindicais asinan un acordo para o desenvolvemento dun sistema transitorio de recoñecemento da carreira profesional dirixido ao conxunto do persoal de administración e servizos, funcionario e laboral
Lugo, Santiago de Compostela

A USC iniciará en 2023 o proceso de incorporación da carreira profesional do seu Persoal de Administración e Servizos (PAS), tanto funcionario como laboral, medida coa que se equiparará con outras administracións universitarias e territoriais que a tiñan implantado con anterioridade. Para a determinación do acceso a esta carreira, a Universidade de Santiago traballará o vindeiro ano no deseño dun sistema de avaliación do rendemento que, como explica o xerente Javier Ferreira, aspira a poñer en valor o desenvolvemento profesional do colectivo integrado no PAS, como garantía de calidade do servizo prestado e na procura de incidir nun funcionamento eficiente das unidades administrativas da Universidade. 

Con carácter transitorio e de forma inmediata, dando cumprimento ao mandato do Claustro, a Universidade aplicará dende comezos de 2023 o acordo para o desenvolvemento do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa do persoal funcionario e para o establecemento do complemento de desempeño do persoal laboral no ámbito do PAS da USC, asinado este martes polo xerente Javier Ferreira, por parte da USC; e por Catuxa Lombao Vázquez (CCOO), Xosefina Rosa Guitián Lema (CIG) e José Ramón Bahamonde Hernández (UGT), por parte da representación sindical. A USC inicia a implantación deste medida logo de que se teñan resoltos diversos litixios noutras administracións en relación a procesos similares, o que permitirá abordar o seu desenvolvemento nun marco legal ben definido, engadiu Javier Ferreira.

O acordo transitorio asinado hoxe establece tamén o inicio dun prazo de tres meses no que a Xerencia proporá ás organizacións sindicais o calendario de negociación que desenvolver en 2023 para a definición dun sistema ordinario de recoñecemento da carreira profesional co obxecto de realizar a súa implantación en 2024. Á espera do sistema que permita o pleno desenvolvemento da carreira profesional, o acordo transitorio é de aplicación para a totalidade do PAS, tanto para persoal funcionario de carreira e interino como para persoal laboral fixo e temporal. O grao I que se articula no documento asinado aboarase mediante unha retribución complementaria de carácter fixo a distribuír en 12 mensualidades. En función das dispoñibilidades orzamentarias o pagamento terá efectos económicos dende o 1 de xaneiro de cada ano. 

Como requisito para acceder ao complemento, será preciso estar en situación de servizo activo, ter a condición de PAS a 31/12/22 cunha antigüidade de 5 anos, acreditar que non foi obxecto de sanción disciplinaria nos últimos 5 anos e cumprir algún dos requisitos específicos de acceso: un mínimo de 40 horas de formación recibida, un mínimo de 10 horas de docencia impartida, formación doutoramento ou posgrao, publicación de traballos científicos, funcións de dirección ou xefatura de servizo ou desempeño de funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo, entre outros. No primeiro trimestre de 2023 realizarase a oportuna convocatoria para a formalización de solicitudes.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.12.2022.