Pasar al contenido principal

Presentación oficial do Meteorito de Traspena

13.01.2023 | 12.30h-14.30h

Santiago de Compostela

O Museo de Historia Natural da USC acollerá o día 13 de xaneiro de 2023 ás 12.30 horas o acto de presentación do Meteorito de Traspena, o primeiro rexistrado en Galicia

Museo de Historia Natural da USC. FOTO: Andrés Fraga
Museo de Historia Natural da USC. FOTO: Andrés Fraga

O 18 de xaneiro de 2021, unha gran bola de lume cruzou os ceos galegos. Respondía a un asteroide de 1,15 metros de tamaño e 2,62 toneladas de masa que chocou contra a atmosfera a 75 quilómetros de altura cunha velocidade de 15 Km/s e que produciu un meteorito de 527 gramos. O fenómeno foi analizado nunha investigación liderada pola Área de Astronomía e Astrofísica do Departamento de Matemática Aplicada na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo, e os seus resultados figuran no artigo ‘O meteorito de Traspena: órbita heliocéntrica, traxectoria atmosférica, campo de dispersión, e petrografía dun novo condrito ordinario L5’,  publicado en Monthly Notices of the Royal Astronomical Society, unha das revistas de astronomía máis prestixiosas do mundo.

Este venres 13 de xaneiro, o Museo de Historia Natural acollerá ás 12.30 horas a presentación oficinal deste meteorito nun acto presidido polo reitor Antonio López que contará coa presenza do vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri; do director do Museo de Historia Natural, Marcos A. González González; do director do Observatorio Astronómico 'Ramón María Aller' da USC, José A. Pérez Docobo; e do profesor da Área de Astronomía e Astrofísica da USC, Manuel Andrade Baliño. A asistencia é libre previa confirmación ata o 13 de xaneiro a través do correo electrónico: museohn [at] usc.es (museohn[at]usc[dot]es) 

O meteorito de Traspena

A singularidade deste condrito reside precisamente en que é un dos poucos casos no mundo para o cal foi posible determinar con precisión a órbita heliocéntrica, previa á colisión coa Terra, do seu corpo proxenitor, aumentando así o seu interese científico. Ademais, constitúe un fito, tanto na astronomía galega, xa que é a primeira caída ben documentada dun meteorito en Galicia, como na española, pois é a primeira vez que o cálculo da traxectoria atmosférica e o da órbita heliocéntrica se realizan integramente por investigadores españois, concretamente da USC. Da excepcionalidade do evento tamén dá conta o feito de que a entrada na atmosfera sobre Galicia dun corpo deste tamaño só acontece de media cada 700 anos (cada 35 anos na totalidade da Península Ibérica). En calquera caso, nin sempre é posible realizar un estudo tan detallado como este nin, moito menos, recuperar algún meteorito.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.01.2023.