Senén Barro profundou no impacto social e económico da Intelixencia Artificial na apertura do curso 2023 da RAGC

O catedrático da USC e académico numerario da Sección de Ciencias Técnicas da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Senén Barro, impartiu este luns a lección maxistral titulada ‘Intelixencia Artificial: o noso último invento’ no acto de apertura do curso académico 2023 desta institución. Na sesión que tivo lugar no Pazo de San Roque, o tamén director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CITIUS) salientou que “a intelixencia artificial é un dos campos científico-tecnolóxicos máis activos e cun maior impacto social e económico na actualidade”. O acto estivo presidido polo profesor emérito da USC e presidente da RAGC, Juan Lema, e contou coa presenza do vicerreitor de Política Científica da USC, Vicente Pérez Muñuzuri.
O que fora reitor da institución compostelá apuntou que “aínda que a intelixencia artificial comezou con intentos de modelar o pensamento humano como vía para avanzar tanto no coñecemento do noso cerebro como para desenvolver máquinas capaces de imitalo, a día de hoxe, despois de sucesivos períodos de luces e sombras, vivimos unha aproximación moito máis pragmática, que busca desenvolver sistemas que empregan a IA na resolución de problemas”.
Autonomía e riqueza
O académico puxo de relevo que “se ben non temos aínda unha forma de cuantificar ou medir a intelixencia dun dispositivo, en xeral podemos dicir que unha máquina ou programa informático posúe intelixencia [artificial] cando o sistema ten unha autonomía e riqueza de comportamento significativas en dominios dinámicos e complexos —un coche autónomo, por exemplo—, é capaz de aprender a través da experiencia adquirida sobre a contorna na que opera —un programa que mellora a medida que xoga ao xadrez ou que identifica os nosos gustos literarios mentres navegamos pola rede— e/ou presenta un alto grao de competencia en áreas especializadas do coñecemento humano —un sistema experto nun dominio médico ou para a concesión de créditos bancarios, por exemplo—”.
“A través da IA as máquinas xa son capaces de superarnos en moitos dominios ou tarefas concretas, non só físicas, senón tamén, e cada vez máis, as que requiren competencias cognitivas, como no recoñecemento de imaxes, no diagnóstico baseado en imaxes médicas ou sinais fisiolóxicos, na tradución entre linguas… e xa non digamos no xadrez ou en calquera outro xogo de estratexia”, salientou Barro. “A intelixencia artificial interesa moito socialmente porque as súas capacidades son tantas, moitas aínda por construír e case todas por imaxinar, que levanta enormes expectativas e non poucas preocupacións. Pode que por iso sexan tantos os paradoxos, mitos, malentendidos, medias verdades e mesmo grandes mentiras que escoitamos e lemos en relación á IA e que nos poden levar a especular con que poida chegar a ser o noso último invento. Que chegue a selo, e sexa para ben, dependerá de como o fagamos polo camiño nós, as persoas”, dixo.
Ademais do profesor Barro e do presidente Lema, ao evento asistiu o resto do equipo de goberno da Academia, outras académicas e académicos e diversas autoridades como o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a subdirectora xeral de Ordenación, Inclusión e Innovación Educativa, Inmaculada Fernández; Daniel Castro, do Grupo Parlamentario do BNG; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes; e o comandante director da Escola Naval Militar de Marín, Pedro Cardona; entre outros representantes de institucións políticas, culturais e académicas.
Valores científicos
Juan Lema lembrou que “a vindeira semana cumprirase unha conmemoración importante. O 26 de xaneiro de 1973, fai case 50 anos, seis ilustres membros da Real Academia Galega, os profesores Vidal Abascal, Parga Pondal, Iglesias Iglesias, García-Sabell, Fraguas y Fraguas e Torres Enciso acordan a creación da Academia de Ciencias Galega e solicitan do Ministerio de Educación e Ciencia a autorización correspondente. Na súa visión clarividente conciben unha entidade con ‘fins científicos e sociais en beneficio da cultura galega’, unha visión que seguimos compartindo os membros da RAGC”.
“Con recursos moi limitados pero con moita ilusión, o conxunto de académicas e académicos temos un soño: promover a ciencia e a tecnoloxía e a súa influencia na sociedade, difundindo a cultura e valores científicos, creando opinión desde a independencia, para contribuír ao desenvolvemento social e económico de Galicia”, manifestou o presidente. Nesta liña, indicou que “a través de conferencias, ciclos de estudo e publicacións, agora tamén distribuídas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, tratamos de achegar temas do máximo interese á sociedade. Recentemente abordamos as enerxías limpas, a loita contra o cancro, as estratexias fronte á COVID, o cambio climático ou avances en sistemas produtivos no sector agroforestal; actividades que contaron cunha asistencia de máis de 10.000 persoas nos últimos catro anos. Tamén cómpre salientar o noso recoñecemento ás traxectorias profesionais, a traballos científicos ou a accións de transferencia de tecnoloxía coas que pretendemos contribuír a esta integración ciencia-sociedade”.
O presidente fixo referencia aos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística, segundo os cales entre 2000 e 2021 Galicia experimentou un crecemento en PIB per cápita de máis dun 26%, o máis elevado de España. Galicia é hoxe a sexta comunidade autónoma en termos económicos globais e a décima en PIB per cápita, escalando sete posicións e sobrepasando a comunidades como Valencia ou Asturias, tal e como relatou o presidente. “Non obstante, este crecemento económico non se veu reflectido na evolución dos nosos indicadores científicos. Así, no estudo efectuado pola RAGC o pasado ano constátase que Galicia está a perder posicións relativas con respecto a España, pasando da posición novena en produción científica per cápita en 2010 á décimo terceira en 2020. É notable a mellora da calidade e cantidade da nosa produción científica, pero este incremento non resulta suficiente para manter o nivel desexado. Por tanto, cómpre un esforzo adicional de todos os axentes implicados: universidades e centros de Investigación, Xunta de Galicia e Deputacións, empresas, sindicatos, partidos políticos e organizacións civís. E por iso propoñemos de novo a formulación dun Pacto pola Ciencia no que se implique o conxunto da sociedade, un compromiso moi amplo coa ciencia e a investigación que fora a base dunha política de país a medio e longo prazo, un pacto no que estamos dispostos a participar con entusiasmo”, concluíu o presidente.
Nova Comisión Executiva
Durante o evento tivo lugar ademais a toma de posesión da nova Comisión Executiva da RAGC. Mantense como presidente Juan Lema, como vicepresidenta Alicia Estévez, Pilar Bermejo na secretaría e Fernando Pérez como responsable de Publicacións e Relacións Sociais da Academia. O novo tesoureiro é José Ramón Cancelo, académico numerario da sección de Ciencias e Económicas e Sociais, que substitúe no cargo a Antón Álvarez, quen se fará cargo a partir de agora da presidencia de Sección de Ciencias Económicas e Sociais da RAGC.