Pasar al contenido principal

Preto de 400 estudantes preuniversitarios danse cita en Ribeira na xornada de achegamento ‘USC Camiña’

O acto inaugural estivo presidido polo reitor Antonio López e contou coa participación do alcalde de Ribeira, Manuel Santos Ruíz, e do coordinador do Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, Celso Rodríguez
O acto inaugural estivo presidido polo reitor Antonio López e contou coa participación do alcalde de Ribeira, Manuel Santos Ruíz, e do coordinador do Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, Celso Rodríguez
O reitor Antonio López presidiu o acto inaugural deste encontro que achega a oferta docente e de servizos da institución compostelá
Santiago de Compostela

Co inicio do novo ano, a iniciativa ‘A USC Camiña. Xornadas de Achegamento á USC’ recupera os desprazamentos ás distintas vilas galegas para achegar ao alumnado preuniversitario a oferta docente e de servizos da USC. A primeira das citas desta actividade itinerante botou a andar este martes, 24 de xaneiro, no Auditorio Municipal de Ribeira coa participación de preto de 400 mozos e mozas. O acto inaugural estivo presidido polo reitor Antonio López e contou coa participación do alcalde de Ribeira, Manuel Santos Ruíz, e do coordinador do Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, Celso Rodríguez.

Dirixidas ao estudantado de Bacharelato, Ciclos Formativos de FP e ESO, estas xornadas itinerantes inclúen mesas redondas sobre as titulacións da USC e achegan ás localidades que visitan diferentes postos informativos sobre docencia e servizos na universidade, que se complementan con relatorios arredor da actividade investigadora, alén de obradoiros e demostracións que involucran todos os axentes da comunidade e "buscan trasladar ás persoas asistentes un fondo coñecemento da vida universitaria", explicou Celso Rodríguez. 

Logo da sesión de Ribeira, celebraranse novas xornadas en O Barco de Valdeorras, o 26 de xaneiro —no Pavillón de Calabagueiros e nos IES Lauro Olmo e Martaguisela—, e  Vilagarcía de Arousa, o 10 de febreiro no Auditorio Municipal. En liña cos datos de participación do curso 2021-2022 agárdase unha alta concorrencia de estudantes nestas primeiras xornadas, que contan xa con máis de mil inscricións confirmadas. A participación está aberta ao público xeral e especialmente a todos os centros de ensino secundario de Galicia, que poden cursar a súa inscrición a través dun formulario electrónico.

Encontros na zona USC

De maneira complementaria e a través do programa A Ponte, a Universidade ofrece ao estudantado de ensino medio a oportunidade de visitar os centros formativos dos Campus de Lugo e Santiago para coñecer de primeira man os estudos e actividades que neles se organizan. A iniciativa ‘Encontros na zona USC’ programa novas visitas ao Campus de Santiago o 31 de xaneiro e 1 e 2 de febreiro de 2023 e ao Campus de Lugo o 7 e 8 de febreiro e o 30 de marzo. Os dous campus presentan diferentes percorridos por áreas de especialización ou titulacións. Cada estudante pode elixir un único percorrido, que non ten por que coincidir co do resto de integrantes da súa aula. Á hora de formalizar a inscrición, os centros deberán indicar o número total de estudantes participantes e a súa distribución aproximada por percorridos. A totalidade de percorridos ofertados para cada campus así como os formularios de inscrición na actividade están dispoñibles na web do programa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.03.2023.