Pasar al contenido principal

XIV Olimpíada de Xeoloxía

08.02.2023 | 11.00h-17.30h

Santiago de Compostela

A Facultade de Bioloxía da USC será unha das sedes desta olimpíada na que participarán 230 estudantes de Secundaria e Bacharelato de toda Galicia

Cartel da XIV Olimpíada de Xeoloxía
Cartel da XIV Olimpíada de Xeoloxía

O mércores 8 de febreiro celebraranse as probas correspondentes á fase galega da XIV Olimpíada de Xeoloxía, un certame que conta coa colaboración das tres universidades galegas.

A Facultade de Bioloxía da USC será xunto coa Escola de Minas en Vigo da UVigo, a Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña e o Xeoparque das Montañas do Courel, unha das sedes deste certame que conta, como en anos anteriores, coa colaboración da Consellaría de Educación. Prevese que 230 estudantes de Secundaria e Bacharelato de toda Galicia participen nesta nova edición da olimpíada, o que a sitúa nunhas cifras de participación próximas ás dos anos anteriores á pandemia.  O evento arrancará ás 11.00 horas e será arredor das 17.30 horas cando se proceda á entrega de premios.

A olimpíada de Xeoloxía é unha actividade educativa que pretende fomentar o interese polos contidos propios da Xeoloxía e do conxunto das Ciencias da Terra, animar o estudantado participante a comezar estudos universitarios relacionados coa área e destacar a importancia da preservación do medio natural. 

A fase española, convocada un ano máis polo Colexio de Xeólogos, a Sociedade Xeológica Española e a AEPECT (Asociación Española para o Ensino das Ciencias da Terra) terá lugar o día 25 de marzo en Xaén e a ela poderán concorrer as persoas gañadoras de cada sede territorial, e a 2ª persoa clasificada en cada un dos certames sempre que non se superen as 50 participantes. As sete persoas mellor clasificadas da olimpíada galega tomarán así parte nesta fase estatal da que sairá a selección que competirá na fase internacional a finais do verán.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.02.2023.