Pasar al contenido principal

Os Encontros na USC citan no Campus de Lugo uns 500 estudantes de ensino medio

Estudantado de ensino medio, no Campus de Lugo
Estudantado de ensino medio, no Campus de Lugo
O programa, a través do que se pretende dar a coñecer as instalacións, servizos a e oferta de títulos da sede universitaria luguesa ao alumnado preuniversitario, terá continuidade o 30 de marzo cunha nova xornada de visitas ás diferentes facultades e escolas do Campus de Lugo na que participarán outros 500 estudantes
Lugo

O programa Encontros na USC citou este martes na sede universitaria luguesa arredor de 500 estudantes de ensino medio procedentes de oito centros educativos das provincias de Lugo e A Coruña, na sede universitaria luguesa. A xornada promovida a través do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, coordinado por Celso Rodríguez, comezou coa recepción do estudantado preuniversitario chegado do IES Plurilingüe Castro da Uz (As Pontes), Colexio San José, IES Ánxel Fole, Colexio Fingoi, IES Lucus Augusti, IES Leiras Pulpeiro, IES Monelos (A Coruña), IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz) e IES Monte Castelo (Burela) diante da Biblioteca Intercentros.

A coordinadora do programa A Ponte entre a USC e o Ensino Medio no Campus de Lugo, Guadalupe Vila foi a encargada de dar a benvida ao alumnado preuniversitario no auditorio da Facultade de Veterinaria,  o punto de encontro desde o que o alumnado, distribuido en grupos en función dos seus intereses e preferencias académicas, tivo a ocasión de coñecer as instalacións, servizos, así como as facultades e escolas da sede universitaria luguesa.

Acompañados de estudantes universitarios do programa Titores da USC, así como do profesorado dos seus respectivos centros de procedencia, o alumnado de ensino medio completou visitas ás aulas e laboratorios das facultades de Formación do Profesorado, Administración e Dirección de Empresas, Veterinaria, Ciencias e Humanidades, así como á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e aos centros adscritos de Enfermaría e Relacións Laborais.

Os Encontros na USC teñen fixada unha nova cita na sede universitaria luguesa o vindeiro 30 de marzo, data na que se agarda a visita doutro medio milleiro de estudantes preuniversitarios procedentes de diversos centros de ensino medio de Galicia, segundo adiantou Guadalupe Vila.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.02.2023.