Un proxecto colaborativo de innovación social loitará contra a vulnerabilidade en Compostela

A USC colabora co Concello de Santiago nun proxecto de innovación social que poida contribuír a mellorar a situación socioeconómica e loitar contra os distintos tipos de vulnerabilidade presentes na cidade. Deste xeito, Big Social Santiago ten como obxectivo analizar as diferentes situacións de vulnerabilidade social que hai na cidade a través do Big Data e desenvolver políticas e accións sociais personalizadas e cunha maior eficacia. O Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME) da USC que forma parte do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), achegará o coñecemento e a experiencia en materia de investigación socioeconómica do territorio.
Con este proxecto colaborativo de innovación social agárdase conseguir beneficios como a posibilidade de determinar as tendencias socioeconómicas en base á información evolutiva, deseñar accións focalizadas para abordar as problemáticas concretas de cada área ou cada colectivo coa axuda das organizacións sociais, ter unha detección temperá de zonas en situación de vulnerabilidade que permita realizar accións preventivas e non correctivas, así como realizar actuacións de intervención social con maior impacto na sociedade e nas persoas en risco de exclusión.
Brecha económica
A situación socioeconómica mundial viuse danada pola crise sanitaria actual, a cal afectou ao ámbito laboral, con particular forza no sector servizos. O último informe a fundación FOESSA e a Cruz Vermella mostran que a precariedade laboral duplicouse, alcanzando xa a case dous millóns de fogares. Isto supuxo unha maior brecha económica, aumentando un 25% a diferenza entre a poboación con máis e menos ingresos, así como á brecha de xénero e a exclusión social dos mozos e inmigrantes.
Ante esta situación, as institucións mobilizáronse xunto coa colaboración público-privada con axentes locais como Cruz Vermella, Cáritas, a Fundación Secretariado Xitano, ou empresa Viaqua e o seu centro tecnolóxico, Cetaqua Galicia. O proxecto Big Social, emprega técnicas avanzadas de análise e procesado de datos públicos xeorreferenciados de variables que definen a vulnerabilidade, tales como a renda, o xénero, a idade ou a orixe, para obter a evolución das principais características socioeconómicas do municipio en forma de indicadores.
Con este proxecto, estase a crear unha ferramenta dixital de mapas dinámicos na que se visualizarán os resultados obtidos dos datos agrupados por áreas. Esta ferramenta facilitará o seguimento periódico de indicadores socioeconómicos do territorio ás entidades sociais locais e permitirá axilizar o proceso de análise e a toma de decisións estratéxica en materia de acción social.