Pasar al contenido principal

Un foro sobre benestar animal en vacún de leite segundo o modelo europeo Welfare Quality reúne 40 participantes no Ibader

Participantes no curso sobre benestar animal segundo o modelo Welfare Quality que se celebra na sede do Ibader
Participantes no curso sobre benestar animal segundo o modelo Welfare Quality que se celebra na sede do Ibader

Un curso teórico e práctico sobre benestar animal en vacún de leite no que se abordan os principios básicos do modelo europeo Welfare Quality cita desde hoxe 40 participantes na sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) co Campus Terra da USC, onde este programa formativo, organizado e impartido pola empresa Araporcei, terá continuidade en quenda de mañá e tarde ata o xoves 31 de maio.

O curso, orientado á participación de profesionais do sector lácteo galego e nas distintas sesións permitirá aos asistentes afondar sobre os criterios básicos que rexen o modelo europeo Welfare Quality sobre benestar animal, un proxecto de investigación europeo iniciado en 2004 e no que participaron máis de 40 institucións científicas de 15 países, que permitiu desenvolver un sistema de valoración universal do benestar animal en granxas e matadoiros.

O Welfare Quality constitúe un procedemento acaído para avaliar de forma obxectiva o benestar animal, ao tempo que permite identificar as súas causas e deficiencias, a fin de prestar logo asesoramento aos gandeiros sobre posibles melloras.

Os usos deste protocolo de avaliación son diversos, xa que se trata de parámetros que poden empregarse de forma individualizada par facer seguimento dun problema específico que poida existir na explotación. Os gandeiros poden usar este modelo para facer unha análise interna, mentres que as empresas poden usar este protocolo como ferramenta de comunicación co consumidor e incluso para a emisión de certificacións externas independentes, a través das que se garante que os produtos agroalimentarios certificados responden ás aspiracións dos consumidores.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.05.2018.