A Facultade de Bioloxía acolle a fase galega deste encontro convocado pola Asociación Olimpíada Española de Bioloxía (OEB) e o Colexio de Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA)

O venres 17 de febreiro, a Facultade de Bioloxía da USC acollerá a clausura da fase galega da XVIII Olímpíada Española de Bioloxía, un encontro convocado pola Asociación Olimpíada Española de Bioloxía (OEB) e o Colexio de Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) que conta colaboración das tres universidades públicas galegas, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a Dirección do Grupo de Traballo de Bioloxía da ABAU (CiUG) e a Inspección de Educación da Xunta de Galicia.
O obxectivo das olimpíadas de bioloxía é fomentar os estudos relacionados coa área e promover o interese na investigación científica entre o estudantado do sistema educativo español.
Nesta final da fase galega están chamadas a participar as 100 persoas clasificadas na fase previa que se desenvolveu a principios de febreiro, e que contou cun número récord de inscricións, con máis de 344 estudantes de 38 centros de ensino. Desta volta, as persoas candidatas someteranse a unha proba teórica e unha práctica que permitirán ás tres mellores clasificadas representar á comunidade autónoma de Galicia na fase estatal que terá lugar en Barcelona do 23 ao 26 de marzo.
O certame conta co patrocinio de Principia Editorial e os Museos Científicos Coruñeses que entregarán premios ás persoas gañadoras. Ademais, con motivo do convenio coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade a Olimpíada foi homologada con 15 horas como actividade de innovación docente e nela terán lugar dúas charlas de formación docente sobre temas de actualidade en bioloxía. A primeira delas, a cargo de Sabela Balboa Méndez, leva por título 'Pequeñas superheroínas: bacterias que degradan plástico' e a segunda con Teresa Boquete Seoane como relatora, versará sobre os 'Vixías do medio ambiente: empregando organismos vivos para o control da contaminación'. Pola tarde, antes do acto de clausura, Gonzalo A. Álvarez Jurado ofrecerá unha conferencia sobre xenética no Museo do Prado.