O IV Ciclo Universitario celebra este sábado o acto de fin de curso
O IV Ciclo Universitario para alumnado maior de 50 anos pecha o curso este sábado en Santiago cun acto de fin de curso no que ademais se entregarán as insignias aos 19 graduados e graduadas senior que completaron os seus estudos correspondentes á promoción 2014-2018.
A cerimonia dará comezo ás 12.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca presidida polo vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto J. López López. Nela, ademais de impoñerlle as insignias aos que remataron os estudos farase o propio coas becas ao alumnado que leva 18 anos no programa.
No acto tomarán a palabra a representante da III Promoción de Graduados Senior Mª Soledad Parrado López; o padriño desta promoción, o profesor Víctor Arce Vázquez; a directora do IV Ciclo, Mª Esther Olveira Olveira; a vicepresidenta da Deputación Provincial da Coruña, Goretti Sanmartín Rei; e o subdirector xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia, Luis Miguel Vázquez Carreira.
IV Ciclo Na actualidade son 346 persoas as que están matriculadas neste programa de formación da USC que dende o seu comezo en outubro de 1997 busca a súa integración conceptual nos demais ciclos que se imparten dentro desta Universidade e que ofrece dous títulos propios, o Diploma Senior en IV Ciclo e o Diploma Excélsor en IV Ciclo.
Este programa pretende posibilitar que as persoas maiores compartan procesos formativos e de extensión cultural, propios do contexto social e institucional universitario, adoptando os criterios organizativos, normativos e metodolóxicos que sexan precisos para acadar tal fin. Ademais, faino favorecendo a súa integración e participación en procesos que respondan ás necesidades e expectativas deste colectivo social no marco da formación permanente, entendida como experiencia global desenvolvida ao longo de toda a vida.