Pasar al contenido principal

Os Premios de Excelencia Académica distinguen 172 estudantes da USC

434 estudantes do SUG recibiron este venres os Premios de Excelencia Académica do curso 2020/21. FOTO: Santi Alvite
434 estudantes do SUG recibiron este venres os Premios de Excelencia Académica do curso 2020/21. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López salientou "o traballo constante, a responsabilidade e o esforzo individual" do estudantado "por alcanzar un alto rendemento académico e o aproveitamento dos recursos públicos que se poñen ao seu alcance"

Un total de 434 estudantes do Sistema Universitario Galego recibiron este venres os Premios de Excelencia Académica do curso 2020/21. Das persoas premiadas, 172 forman parte na USC. O reitor Antonio López participou no acto de entrega de  galardóns promovido pola Xunta de Galicia, que contou tamén coa intervención do presidente da institución Alfonso Rueda, do Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez e dos reitores das universidades da Coruña e Vigo. 

Antonio López apuntou que “os premios á excelencia académica son un estímulo tanto pola dotación económica como pola súa propia filosofía ao recoñecer o traballo ben feito, a dedicación e a constancia”. A dicir do reitor, detrás deses “expedientes sobresalientes e excelentes, está o traballo constante, a responsabilidade e o esforzo individual por alcanzar un alto rendemento académico e, sobre todo, o aproveitamento dos recursos públicos que poñemos ao alcance do estudantado”. Antonio López salientou, ademais, que “alumnado hoxe recoñecido nos alimenta a seguir dando o mellor como institucións de ensino superior, porque nos obriga a buscar sempre a marxe de mellora para así ofrecerlle a mellor formación posible”.

No cómputo total de persoas galardoadas, que supera en 24 estudantes o da anualidade anterior, o 63,5% son mulleres e o 36,5% homes. Por rama de coñecemento, o 43% son estudantes de Ciencias Sociais, o 17% de Enxeñaría e Arquitectura, o 14% de Ciencias da Saúde, o 14% de Artes e Humanidades e o 12% de Ciencias. De entre o resto de persoas premiadas, 123 proceden da UDC e 139, da UVigo.

O obxectivo destes premios é recoñecer o traballo do estudantado coas mellores cualificacións en cada un dos cursos de grao oficial no Sistema Universitario de Galicia (SUG), agás no último, no que o Goberno galego concede os premios de fin de carreira. Con esta liña de axudas procúrase motivar o alumnado universitario para mellorar o seu currículo, poñendo en valor o seu mérito e esforzo no estudo e a súa actitude de compromiso co seu proceso formativo. Cada unha das persoas distinguidas recibe 1.000 euros de premio, que se incrementa noutros 500 euros no caso dos 188 mellores expedientes. Así mesmo, todas as persoas galardoadas reciben un diploma acreditativo desta distinción. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.02.2023.