Un estudo amosa como o polbo, os chocos e as luras poden garantir a seguridade alimentaria

Un novo artigo publicado na revista People and Nature aborda a necesidade de entender mellor o sistema alimentario de diversas especies de cefalópodos, como os polbos, os chocos e as luras, explorando as conexións entre as contribucións da natureza ás persoas, as políticas do sistema alimentario e o benestar humano. O traballo, asinado por un grupo de once autores liderados por persoal do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS), realizou unha revisión bibliográfica global de traballos vinculados aos factores do mercado que inflúen na captura, comercio e consumo do sistema alimentario dos cefalópodos. Os investigadores do CRETUS Gill Ainsworth, Pablo Pita, Sebastián Villasante e Katina Roumbedakis evidencian neste traballo que os cefalópodos achegan beneficios á natureza e ás persoas.
En todo o mundo, as pesquerías de cefalópodos expandíronse a gran velocidade nos últimos 50 anos. Pasouse de aproximadamente 99.100 toneladas en 1970 a 374.200 toneladas en 2020, e ampliáronse as zonas de pesca para satisfacer a crecente demanda do mercado. A abundancia de poboacións de cefalópodos flutúa de forma natural, e a súa dispoñibilidade vese moi afectada por efectos ambientais como o cambio climático, que “aumentan a incerteza en torno á sustentabilidade destas especies e a súa dispoñibilidade como recurso alimentario”, explican os asinantes do artigo.
Neste contexto, garantir a alimentación para a poboación de todo o mundo supón tamén pagar unha peaxe para o planeta. O artigo publicado en People and Nature expón o vínculo directo entre a perda da biodiversidade e o impacto do actual sistema alimentario. “Para comprender o funcionamento deste sistema hai que ter en conta a relación entre a produción e o consumo dos alimentos e é sabido que cómpre transformar a forma de produción para camiñar cara a sistemas máis sostibles”, apuntan os investigadores. Neste sentido, a maioría das investigacións realizadas ata agora centráronse no sector agrícola, pero o sector mariño é tamén fundamental a escala planetaria.
Importancia nutricional e cultural
Neste artigo, o equipo liderado pola USC expón, por unha banda, como os cefalópodos (chocos, polbos ou luras) achegan beneficios á natureza e ás persoas. Son depredadores importantes dentro dos ecosistemas mariños e teñen tamén unha notable importancia nutricional e cultural que contribúe a reforzar a seguridade alimentaria humana. Por tanto, unha pesca de cefalópodos sostible e equitativa require comprender os vínculos entre os ecosistemas que habitan estas especies, as políticas do sistema alimentario e o benestar humano, algo que non se estudou en profundidade previamente.
Así, a investigación contribúe ao diagnóstico global de oportunidades e limitacións relativas ao papel dos cefalópodos nas transformacións cara a un sistema de produción de produtos do mar máis resiliente e diversificado. “Este panorama é moi complexo en canto ás interaccións entre sectores e actores implicados, o que require integración e colaboración a diversas escalas xeográficas, sociais e temporais”, afirman.
Na mesma liña, o traballo destaca catro factores clave relacionados cos cefalópodos que poden apoiar as transicións cara a unha maior seguridade alimentaria: o valor das novas especies de alimentos acuáticos; sistemas de seguridade e autenticidade dos alimentos; innovacións baseadas no lugar de orixe e o apoderamento das comunidades locais; e o comportamento, o estilo de vida e as motivacións dos consumidores para mellorar a saúde e a sustentabilidade ambiental ao longo da cadea de valor alimentaria.