Pasar al contenido principal

Cultura en Mazarelos

'Kant e a vida mental dos animais non-humanos'

28.02.2023 | 12.30h

Santiago de Compostela
Salón de Actos

A Facultade de Filosofía da USC inaugura un novo ciclo de conferencias que procura crear un espazo de reflexión aberto á comunidade universitaria

Cartel da actividade
Cartel da actividade

A primeira das conferencias do ciclo 'Cultura en Mazarelos' desenvolverase o martes 28 de febreiro ás 12.30 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía. Baixo o título 'Kant e a vida mental dos animais non-humanos', o investigador Pedro Stepanenko Gutiérrez, pertencente ao Instituto de Investigacións Filosóficas da  UNAM (México) e á Humboldt Universität de Berlín (Alemaña), ofrecerá unha conferencia sobre a cognición dos animais non-humanos.

De acordo cunha interpretación conceptualista da filosofía teórica de Kant, o uso de conceptos é un trazo distintivo da vida mental consciente e, por iso, é unha condición necesaria da percepción mesma. Unha obxección frecuente en contra desta posición sostén que isto non é así porque Kant consideraba que os animais non-humanos carecen de conceptos e, con todo, non podía negar que perciben. O obxectivo desta conferencia é responder a esta obxección mostrando que é precisamente a ausencia de conceptos o que fixo pensar a Kant que a vida mental dos animais non-humanos é só un mecanismo de coordinación entre sensacións e respostas, onde tamén está ausente a capacidade mesma de representar obxectos e, por tanto, de percibilos. De xeito que, se se quere facer xustiza hoxe á riqueza perceptual dos animais non-humanos desde unha perspectiva kantiana, hai que recoñecer que usan conceptos.

Xavier de Donato e M. X. Vázquez Lobeiras organizan esta conferencia con asistencia libre ata completar a capacidade da sala.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.02.2023.