A Facultade de Relacións Laborais impulsa unha xornada a prol da empregabilidade e do talento

A xornada ‘Power You Xperience’ desenvólvese o vindeiro 9 de marzo a partir das 10.00 horas na Facultade de Relacións Laborais baixo o lema ‘Descubre como impulsar a túa carreira profesional’. Esta é unha xornada de promoción do talento e desenvolvemento de capacidades profesionais.
Estes encontros teñen a finalidade de mellorar a empregabilidade e favorecer o desenvolvemento de capacidades e competencias profesionais da mocidade nunha contorna laboral cada vez máis competitiva e cambiante. O obxectivo destas xornadas é facilitar o diálogo entre persoal directivo de Recursos Humanos, organizacións e estudantes.
O acto de inauguración da xornada contará coas intervencións de Pilar Murias Fernández, vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago de Compostela e Julia Rodríguez, directora de desenvolvemento da Fundación Human Age Institute.