Pasar al contenido principal

Conferencia

Re-pensando o TDAH

15.03.2023 | 16.00h

Santiago de Compostela
Salón de Actos

O psicólogo e psicoterapeuta Andrés Sampayo Salgueiro ofrece unha conferencia sobre ao traballo que valeu o Premio Nacional FEAP 2022 na modalidade de psicoterapia

Cartel da conferencia
Cartel da conferencia

O mércores 15 de marzo ás 16.00 horas a Facultade de Psicoloxía acollerá a conferencia 'Repensando o TDAH', un relatorio na que o psicólogo e psicoterapeuta psicoanalítico Andrés Sampayo Salgueiro afondará no Trastorno de Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) a partir dun traballo homónimo que lle valeu  o Premio Nacional FEAP 2022.

O autor sostén que infancia constitúe un fenómeno relacional e diverso que se constrúe histórica e socialmente. As representacións dun determinado modelo de nenez 'normal' están inevitablemente ligadas á construción de diagnósticos como o Trastorno de Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH). Apunta que non deixa de ser curioso que aínda que unha gran parte da literatura científica alude a unha razón orgánica para a súa xustificación, o diagnóstico é formulado en función dunha serie de comportamentos que se afastan dunha determinada normalidade, e non en base a marcadores xenéticos ou biolóxicos. O traballo apunta que o TDAH se mostra, deste xeito, como unha categoría que conceptualiza a suxeitos cuxas condutas non son socialmente aceptadas. Tras certas reflexións sobre o trastorno desde unha óptica aberta á filosofía, a literatura e a psicanálise, expón un caso práctico, desenvolto a modo de traxedia grega, que amosa outra maneira de achegarse aos pacientes que se derivan con este diagnóstico. Á súa vez, cuestiona algúns enfoques hexemónicos no tratamento e propón como alternativa, unha abordaxe no que prime a reflexión e a mentalización.

A actividade é aberta ao público ata completar a capacidade da sala.

Andrés Sampayo Salgueiro

Licenciado en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, mestrado en Psicoloxía Clínica e da Saúde, é tamén mestrado en Xerontoloxía, mestrado en Intervención Psicolóxica e Saúde Mental e mestrado en Psicoterapia Psicodinámica.. Acreditado como Psicoterapeuta Psicoanálitico pola FEAP (Federación Española de Asociacións de Psicoterapeutas). Presentou diversos traballos e comunicacións en congresos estatais e internacionais. Desenvolve a súa actividade profesional como psicólogo e psicoterapeuta no ámbito privado, compaxinándoa coa docencia e titoría de alumnado en prácticas de distintas universidades.

Desde 2022 preside a Asociación de Psicanálise Aplicada Gradiva. Colaboracon distintos medios de comunicación, e escribe desde o ano 2004 para o diario El Correo Gallego. Recibiu o premio FEAP 2022 ao mellor traballo de psicoterapia, o Premio Mención Especial do Xurado no concurso “Rosa de Cen Follas” organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e o terceiro premio do concurso de relato breve do Colexio de Psicólogos de Madrid. En 2021 publicou o seu primeiro libro titulado “O psicólogo conta”, unha recompilación dos artigos publicados en prensa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.03.2023.