A profesora Rocío García Pedreira coordina este programa, no marco do que estudantes de Formación do Profesorado entrevistarán este martes a Inés Vázquez e Lucía Cobo na aula de Música do centrouniversitario

A Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da USC acolle este martes, a partir das 17.30 horas, unha nova sesión do videopodcast sobre libros e ilustracións con creadoras galegas ‘Petíscame’, unha iniciativa coordinada pola profesora da área de Didáctica da Lingua e da Literatura Rocío García Pedreira e na que tomarán parte preto de 50 estudantes universitarios, estruturados en diversos grupos, así como oito creadoras e ilustradas galegas relacionadas co mundo dos álbums ilusrados, cómics e obras literairas dirixidas á infancia e xuventude. De feito, na xornada programada este martes participarán como convidadas Inés Vázquez e Lucía Cobo.
O obxectivo desta proposta formativa, contextualizada no ámbito da materia Literatura e Arte e que conta con financiamento do Servizo de Normalización Lingüística da USC, pasa porque o alumnado universitario elabore videopodcasts de divulgación en galego sobre o mundo dos libros e da ilustración a partir de entrevistas a creadoras galegas.
Alén deste cometido xeral, o videopodcast sobre libros e ilustracións con creadoras galegas ‘Petíscame’ busca contribuír a formentar o uso do galego por parte do futuro profesorado da educación infantil e primaria, ademais de desenvolver habilidades orais, aumentar a motivación do alumnado pola propia aprendizaxe mediante a utilización de metodoloxías activas, participativas e colaborativas, elevar o coñecemento sobre o sector editorial galego e sobre a ilustración, e fomentar a creatividade e a capacidade reflexiva do alumnado.
Daquela, ao tratarse dunha actividade académica planificada para este segundo semestre do curso, este videopodcast sobre libros e ilustracións en galego traerá durante as próximas semanas como convidadas á Facultade de Formación do Profesorado de Lugo outras creadoras galegas e de fóra de Galicia, tal e como o son Estefanía Padullés, Nuria Díaz, Iria Fafián, Paula Cheshire, Laura Suárez e Bea Gregores.
As sesións de gravación desenvolveranse na aula de música do propio centro universitario, onde o alumnado, logo de documentarse sobre as artitas convidadas e respecto da súa obra creativa, editarán videopodcast que logo estarán accesibles no blog ‘Petiscando libros’.