Pasar al contenido principal

Os Premios á calidade lingüística chegan á súa edición número dezanove

O certame diríxese a alumnado matriculado en titulacións oficiais de grao ou mestrado no curso 2022-2023. FOTO: Santi Alvite
O certame diríxese a alumnado matriculado en titulacións oficiais de grao ou mestrado no curso 2022-2023. FOTO: Santi Alvite
Ata o 31 de xullo poderán presentarse traballos académicos, mentres que o prazo para os TFG e TFM esténdese ata o 30 de setembro
Lugo, Santiago de Compostela

O alumnado da USC matriculado en titulacións oficiais de grao ou mestrado no curso 2022-2023 que elabore e, de ser o caso, defenda en lingua galega un traballo neste ano académico poderá concorrer aos XIX Premios á calidade lingüística. Estes galardóns impulsados polo Servizo de Normalización Lingüística contan con tres modalidades: traballos académicos, TFG e TFM. O prazo para a primeira modalidade remata o 31 de xullo de 2022; mentres que no caso dos traballos fin de grao ou fin de mestrado, estenderase ata o 30 de setembro.

Establécense quince premios en metálico e diploma acreditativo, que se repartirán por cada unha das grandes áreas de coñecemento (Ciencias da Saúde, Ciencias, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura, Humanidades), e para cada unha das modalidades. Así, no caso dos traballos académicos outorgaranse cinco premios de 150 euros. Cinco son tamén os galardóns para os TFG, modalidade na que a cantidade de cada premio ascende ata os 300 euros. Finalmente, no caso dos TFM, os cinco galardóns estarán dotados de 500 euros cada un.

“As persoas egresadas da Universidade non só deben contar cun nivel axeitado de coñecementos significativos”, apuntan dende o Servizo de Normalización Lingüística da USC. “Tamén é desexable que teñan desenvolvidas outras destrezas, habilidades e valores: autonomía, pensamento crítico, ou dominio das novas tecnoloxías, entre outros aspectos. A presentación axeitada dun traballo dende o punto de vista formal (o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño, ou a coherencia) é unha habilidade comunicativa que calquera universitario/a debería posuír”, engaden.

A presentación realizarase a través do Rexistro da Sede Electrónica da USC mediante o procedemento ‘solicitude xenérica’ de acordo cos requirimentos que se establecen nas bases do certame. O xurado, formado por tres membros designados polo Servizo de Normalización Lingüística da USC, valorará a corrección lingüística, o emprego acaído da linguaxe de especialidade, a calidade na redacción, a presentación da información e a estruturación do traballo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.03.2023.