Pasar al contenido principal

A USC destaca en 16 materias do QS World University Ranking

O Ránking QS por materias analiza a reputación académica de cada eido. FOTO: Santi Alvite
O Ránking QS por materias analiza a reputación académica de cada eido. FOTO: Santi Alvite
Farmacia e Farmacoloxía é o eido máis destacado mentres que, por áreas de coñecemento, Ciencias Naturais ocupa o chanzo máis elevado no seo da institución compostelá
Lugo, Santiago de Compostela

Ciencias Naturais é a área de coñecemento na que máis destaca a USC segundo a edición 2023 do QS World University Ranking por materias. En concreto, a institución compostelá ocupa o chanzo 306, mentres que o ano pasado situábase no 344. Séguenlle Artes e Humanidades (337 fronte ao posto 374 da pasada edición), Ciencias da Vida e Medicina (348 fronte ao chanzo 379 do ano 2022) e Ciencias Sociais (intervalo 501-530). En total, a USC destaca en 16 materias distribuídas por todas as áreas de coñecemento.  

En Ciencias Naturais, as materias máis destacadas son Química, Ciencias Medioambientais e Física e Astronomía (todas elas no intervalo 301-350), xunto con Matemáticas (posición 401-450). Historia (201-230), Arqueoloxía (201-240), así como Lingüística, Lingua e Literatura Inglesas e Linguas Modernas (as tres materias ocupan o chanzo 201-250) son os eidos destacados en Arte e Humanidades.

En Ciencias da Vida e Medicina, a USC destaca en Farmacia e Farmacoloxía (101-150), Agricultura e Forestais (251-300), Medicina (301-350) e Ciencias Biolóxicas (351-400). 251-300 é o intervalo que a institución compostelá ocupa en Dereito, materia máis destacada en Ciencias Sociais. A continuación, séguenlle Educación (301-350) e Economía e Econometría (451-500). Finalmente, xa na área de Enxeñaría e Tecnoloxía, a USC destaca en Enxeñaría Química ao ocupar o banzo 201-250.

Indicadores

O Ránking QS por materias analiza a reputación académica de cada eido en base a unha sondaxe realizada a 130.000 académicos e académicas; a súa empregabilidade a través dunha enquisa a máis de 75.000 persoas graduadas; o número de citas por artigo, extraendo a información da base de datos de referencias bibliográficas e citas Scopus nun período de cinco anos; así como o índice H, en tanto xeito de medir a produtividade e impacto do traballo publicado por cada científico/a.

Ademais, QS toma en consideración o índice IRN que reflicte a capacidade das institucións para diversificar a xeografía da súa rede de investigación internacional mediante o establecemento de asociacións de investigación sostibles con outras institucións de educación superior. A clasificación está composta por un total de 54 materias, froito do estudo de 15.700 programas académicos de 1594 institucións.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.03.2023.