Estefanía AA e Pablo Fredes abren este mércores o programa dos 10Sonscreativos cun repertorio acusmático na Casa do Saber

Estefanía AA e Pablo Fredes abren este mércores, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, a programación dos 10Sonscretivos cunha sesión acusmática no marco da que o Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUSC) tamén interpretará ao vivo obras de Inmaculada Cárdenas e de Mónica Álvarez.
Esta primeira sesión musical servirá de preludio da décima edición do programa ‘Sons Creativos’, unha plataforma para a difusión e creación sonora, que ofrecerá os días 4 e 5 de maio nas instalacións do centro de convivencia cívica Uxío Novoneyra de Lugo dous obradoiros de improvisación e exploración sonora, ademais dun seminario impartido por Inmaculada Cárdenas sobre improvisación musical, xénese e desenvolvemento dunha obra.
Os 10Sonscreativos’, un programa organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultral e impulsado desde os seus comezos polo Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS), constitúe unha decidida aposta por difundir e achegar ao público dúas formas de creación sonora pouco habituais, tales como son a improvisación musical e a exploración sonora.
Obradoiros
O baixista compostelán Xacobe Martínez Antelo conducirá o venres 4 de maio no marco dos 10Sonscreativos o taller ‘A improvisación é a solución’, un obradoiro destinado a persoas interesadas na práctica da improvisación de diferentes ámbitos artísticos. A actividade formativa guiada por este integrante do Grupo Chévere terá continuidade o sábado 5 de maio, en quenda de mañá, de 10.00 a 14.00 horas, e rematará o domingo cunha improvisación colectiva.
O segundo dos obradoiros incluídos nesta edición de Sonscreativos tamén se desenvolverá os días 4 e 5 de maio no centro municipal Uxío Novoneyra de Lugo e será impartido por Mónica Álvarez, integrante do GCSUS desde a súa fundación en 1996. A voz e a exploración sonora serán os elementos cos que traballará Mónica Álvarez ao longo deste taller, que rematará tamén o domingo 6 de maio cunha improvisación colectiva.
A programación de actividades desta edición de Sons Creativos, un programa dirixido por Inmaculada Cárdenas en colaboración co artista sonoro e compositor Xoán-Xil López que achega á vida cultural luguesa un aspecto da música menos habitual, como o son a música electroacústica e a arte sonora, completarase o 4 de maio cunha conferencia concerto a cargo de Wade Matthews, ás 20.30 horas, na Casa do Saber. Este mesmo escenario acubillará ao día seguinte, á mesma hora, unha sesión de obras acusmáticas de Andrés-Levi Richter, seguida da intervención ao vivo de Pablo Rega.
O seminario ‘A improvisación musical, xénese e desenvolvemento dunha obra’, impartido por Inmaculada Cárdenas, desenvolverase o 5 de maio, en quenda de tarde, no centro municipal Uxío Novoneyra de Lugo. Trátase dunha actividade formativa aberta á participación de todo o público interesado.
Como colofón das actividades de 10Sonscreativos, o Vello Cárcere de Lugo será escenario o sábado 6 de maio, ás 12.00 horas, unha intervención sonora na que participarán os integrantes do GCSUSC, así como as persoas participantes nos obradoiros de experimentación sonora e improvisación. Xa pola tarde, Berio Molina, conducirá, a partir das 19.00 horas, unha acción sonora na Praza Maior de Lugo.