Pasar al contenido principal

Un test rápido para detectar a enfermidade celíaca convértese no proxecto vencedor da EIJE 2023

O equipo vencedor da USC xunto a Eva López Barrio e Sabela López Figueiras
O equipo vencedor da USC xunto a Eva López Barrio e Sabela López Figueiras
O equipo da USC integrado por Daniel Abella López, Alejandro Failde Fiestras e Adrián López Teijeiro acadou o primeiro posto no Encontro Internacional de mozas e mozos Emprendedores que se desenvolveu na cidade portuguesa de Viseu
Santiago de Compostela

‘NBusCeliac Rapid Test’ é o título do proxecto co que os investigadores do CiQUS, Daniel Abella López e Adrián López Teijeiro, xunto con Alejandro Failde Fiestras, pertencente ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), concorreron ao Encontro Internacional de mozas e mozos Emprendedores (EIJE 2023) que se desenvolveu na cidade portuguesa de Viseu. Este equipo da USC acadou o primeiro posto grazas a este proxecto de test rápido para detectar a enfermidade celíaca, patoloxía autoinmune provocada polo glute presente en certos cereais.

Na súa presentación, os investigadores explicaron como só un 30% das persoas que padecen esta enfermidade están diagnosticadas. Ademais, a prevalencia desta patoloxía en países occidentais como España é do 1%. O diagnóstico tradicional é un proceso que pode chegar a estenderse ata unha década entre que aparecen os primeiros síntomas, o paciente decide acudir ao médico, se acometen as pertinentes probas de laboratorio e se acaba por realizar unha biopsia, tal e como relataron os integrantes do equipo gañador. Ante esta situación, o proxecto ‘NBusCeliac Rapid Test’ conforma un método non invasivo a través dunha pequena mostra de sangue, cunha duración de 20 minutos e con gran sensibilidade e precisión.

A directora de Woman Emprende, Eva López Barrio, acompañou os gañadores durante o encontro e participou nunha mesa redonda en materia de emprendemento. Completaron a representación da USC no EIJE 2023, as profesoras da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Loreto Fernández Fernández e Emilia Vázquez Rozas; Sabela López Figueiras, persoal técnico da Área de Valorización e Emprendemento da USC; xunto co delegado do reitor en materia de Emprendemento, Luis Otero, quen interveu na sesión de clausura.

De esquerda a dereita, Emilia Vázquez Rozas, Loreto Fernández Fernández e Luis Otero
De esquerda a dereita, Emilia Vázquez Rozas, Loreto Fernández Fernández e Luis Otero
Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.03.2023.