Pasar al contenido principal

Acto intitucional

Sesión ordinaria do Consello do Goberno

30.03.2023 | 09.45h

Santiago de Compostela e Lugo
Salón Reitoral e Sala Multiusos

Convocada ás 09.45 horas (10.00 horas en segunda convocatoria)

O Colexio de San Xerome acolle unha nova sesión do Consello de Goberno. FOTO: Santi Alvite
O Colexio de San Xerome acolle unha nova sesión do Consello de Goberno. FOTO: Santi Alvite

Unha nova sesión ordinaria de Consello de Goberno terá lugar o xoves 30 de marzo no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome (Santiago)  e na Sala Multiusos do Edificio Servizos Administrativos/Biblioteca Intercentros (Lugo).

A xuntanza está prevista ás 09.45 horas en primeira convocatoria e 10.00 horas en segunda, e estenderase ata as 15.00 horas. No caso de que sexa necesario, a reunión continuará pola tarde, das 16.30 horas ata as 18.30 horas.

Entre os temas da orde do día inclúese a aprobación da renovación da Comisión de atención a situacións de acoso sexual, acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero, a elección de representantes do Consello de Goberno no Consello Social e o acordo sobre a adhesión da USC ao consorcio European University for Well-Being (EUniWell). 

Tamén se someterá a aprobación o Regulamento polo que se establecen as normas de convivencia da USC, a convocatoria de prazas de profesorado con vinculación permanente e non permanente e das comisións de selección correspondentes, alén da reposición de vacantes de PDI, e do Regulamento de Estudos Propios da Universidade. 

Entres os temas da orde do día figura, asemade, a aprobación da oferta de prazas para o curso 2023-2024 de titulacións de grao, máster universitario e de doutoramento, e así como a  modificación substancial do Máster Universitario en Avogacía para a súa implantación nese curso, ademais das  modificacións non substanciais de másteres universitarios  para o mesmo período e as  memorias de cursos de estudos propios. 

A seguir, tratarase a participación da USC na Asociación 'Cuarto Mundo', a modificación das bases da convocatoria ordinaria de prazas de aloxamento do SUR da USC, a concesión dos premios extraordinarios de doutoramento do curso 2020-2021, e a táboa de ponderacións para o acceso a graos e dos procedementos de admisión aos estudos universitarios oficiais de grao do SUG para o curso 2023-2024.  Tamén se abordará a proposta de cesión de uso temporal de espazos no edificio do Monte da Condesa en favor de Galaria, medio propio da Consellería de Sanidade; a proposta de modificación de tarifas,  a proposta dun legado para o Centro de investigación en medicina molecular e enfermidades crónicas (CIMUS), e a declaración do carácter excepcional e singular da solicitude de subvención obxecto de convenio para financiar a programación de actividades do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) no ano 2023. 

O  debate sobre estratexia para a implantación de estudos nas modalidades híbrida e virtual e outras cuestións vencelladas a asuntos económicos e propostas de convenios así como o informe do reitor completan os puntos da orde do día. 

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.03.2023.