Pasar al contenido principal

O sector biotecnolóxico galego participa a vindeira semana en Biospain

O potencial biotecnolóxico de Galicia viaxa a próxima semana a Sevilla para participar en Biospain, o maior evento organizado arredor do sector biotech. Os principais axentes galegos implicados neste sector, e que novamente acoden á cita conxuntamente, son, xunto coa USC, a Axencia Galega de Coñecemento en saúde (ACIS), a Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Clúster Saúde de Galicia (CSG), o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e as Universidades da Coruña e Vigo.

Universidade de Santiago A USC conta cunha longa traxectoria na creación de EBTs, destacando a recente concesión do proxecto Bioincubatech que presentará en Biospain. Ademais, nese encontro internacional promocionará algunhas das súas últimas tecnoloxías que están protexidas mediante patente, como son novos compostos con potencial aplicación en terapia de cancro que se dirixen de maneira específica ás células nai de cancro, novos péptidos sintéticos para favorecer a entrada de substancias nas células, unha novidosa matriz polimérica para a rexeneración ósea, unha tecnoloxía para a diagnose da artrite reumatoide en fase temperá ou outra para a separación de glucosaminoglicanos sulfatados en mostras biolóxicas que permite a diagnose de forma rápida e económica dalgunhas enfermidades raras ou renais, entre outras.

ACIS A Axencia Galega de coñecemento en Saúde (ACIS) participa en BIOSPAIN co proxecto Código100, o plan de innovación sanitaria que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida da sociedade galega. Cun orzamento de 13 millóns de euros céntrase en 3 liñas de actuación: profesionais, terapias e empoderamento de pacientes, que se executarán con procedementos de compra pública innovadora. As 15 licitacións perseguen a incorporación da contratación de biotecnoloxía, intelixencia artificial, realidade virtual e big data.

ACIS lidera outra serie de proxectos europeos innovadores como son EMPATTICS, TITTAN ou CÓDIGO+.

GAIN A Xunta de Galicia puxo en marcha en 2016 en colaboración co resto de axentes (empresas, clústeres e centros de coñecemento) a Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía, unha folla de ruta específica, dotada con 200 millóns de euros, para xerar no 2020 un ecosistema biotecnolóxico de referencia internacional.

Ata o momento, xa se levan apoiado máis de 300 proxectos e executado o 54% do orzamento total previsto no marco da Estratexia. Nela priorízanse aqueles ámbitos de actuación con maior potencial, como a biotecnoloxía verde ou azul que está a propiciar que as empresas de sectores galegos tradicionais da agroalimentación ou a pesca melloren a súa competitividade a través da I+D, ou a biotecnoloxía aplicada ao desenvolvemento de novos medicamentos e terapias, marco no que se ten creado a primeira incubadora de fármacos de España da man da Xunta de Galicia, a Fundación Kaertor e a multinacional Jannsen.

CSG O CSG participa nesta edición de BioSpain18 acompañado por varios dos seus asociados que representan diferentes subsectores do ecosistema sanitario. O feito de que teñamos centros tecnolóxicos, as pemes dedicadas á vixilancia tecnolóxica e á impresión 3D, institutos de investigación e empresas de xestión hospitalaria, demostra que a biotecnoloxía é un elemento clave no desenvolvemento de solucións no noso sector.

BIOGA O Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga) é unha asociación empresarial sen ánimo de lucro que aglutina as organizacións integradas na cadea de valor do sector biotecnolóxico de Galicia. Actualmente Bioga conta con 64 socios empresariais e institucionais e traballa para mellorar o posicionamento do sector a través dunha mellora competitiva, a xeración de negocio a través da actividade intensiva de I+D+i das empresas e accións de internacionalización.

Universidade da Coruña A UDC está fortemente comprometida con desenvolvemento, difusión e transferencia do coñecemento nos ámbitos biotecnolóxicos. Destaca nestea área o Campus Sustentabilidade que impulsa a excelencia no coñecemento para a transición a estilos de vida sustentables que protexan os recursos naturais da comunidade, freen o cambio climático e promovan o benestar. Ademais, a UDC conta cun centro de investigación altamente especializado nas áreas biotecnolóxicas, o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA), que terá presenza específica na feira.

Deste modo, a UDC ten como obxectivo mostrar en BioSpain as súas capacidades como entidade xeradora e difusora de coñecemento no ámbito biotecnolóxico.

Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo, dentro dos obxectivos globais da delegación galega que participará en Biospain 2018, ten interese particular en visibilizar o seu potencial neste sector puxante, amosando tanto os centros de investigación e estruturas de I+D propias, coma o traballo e resultados acadados polos grupos de investigación da institución. Deste xeito, a Universidade de Vigo poñerá o acento nos centros Cinbio (Centro de Investigacións Biomédicas) e o Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo), e amosará unha oferta integrada por 26 grupos de I+D+i nos que desenvolven a súa actividade máis de 200 investigadoras e investigadores, así como un carteira de resultados no que figuran máis de 60 patentes. O obxectivo é dar a coñecer á contorna socioeconómica as capacidades que posúe a Universidade de Vigo neste ámbito.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.09.2018.