Pasar al contenido principal

O grupo CIDACOM colabora na organización do curso ‘Voluntarios no audiovisual’

O grupo de investigación Cidadanía e Comunicación (CIDACOM) colabora na organización do curso de formación ‘Voluntarios no audiovisual’, a celebrar a partir do próximo venres 21 no Museo do Pobo Galego cunha carga lectiva de 30 horas. Esta é unha actividade destinada á mocidade da cidade (menores de 35 anos) e de inscrición gratuíta, para o que é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariosnoaudiovisual [at] gmail.com (voluntariosnoaudiovisual[at]gmail[dot]com)).

O curso está dividido en tres bloques. O primeiro está conformado por tres clases teóricas impartidas por profesionais do sector: unha sobre o funcionamento e as normativas sobre as rodaxes en Compostela, dirixida por Dimas González, comisionado fílmico do Concello; outra sobre a relación entre a cidade e o audiovisual, a cargo do integrante do Cineclube de Compostela, Julio Vilariño; e unha derradeira sobre a loxística das rodaxes, impartida por Miriam Devesa, que ten traballado na área de produción en obras como Fariña, El desconocido ou Celda 211.

O segundo bloque compóñeno tres rutas polos espazos da cidade retratados no cine, a primeira recupera as rodaxes de películas dramáticas que tiveron lugar ao longo da historia da cidade; a segunda aborda as películas de terror e thrillers e a última as comedias rodadas en Santiago, poñendo en valor a historia do audiovisual compostelán. Finalmente, o curso centrarase no funcionamento dos festivais audiovisuais da cidade e a súa relevancia social e económica, para ilo realizarase unha mesa redonda na que estarán presentes representantes dalgúns dos principais festivais composteláns.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.09.2018.