Pasar al contenido principal

Xornadas da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas

Do 12 ao 14 de abril

Cidade da Cultura
Santiago de Compostela
Salón Nobre

Santiago e Vigo serán sede deste encontro no 40 aniversario da existencia dos Consellos Sociais

Xornadas da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas
Xornadas da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas

Do 12 ao 14 de abril as Xornadas da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas reúnen en Galicia as e os representantes dos órganos de participación social das universidades da contorna estatal.

Organizadas pola Universidade de Vigo, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña, estas xornadas servirán para observar a evolución dos Consellos Sociais tras 40 anos de andaina,  ofrecer unha ollada retrospectiva e analizar novos escenarios, para alén de realizar aproximación ao futuro das universidades españolas no marco europeo. 

As sesións das xornadas en Compostela, unha das sedes do encontro xunto á cidade de Vigo, desenvolveranse o xoves 13 de abril pola mañá na Cidade da Cultura e pola tarde no Colexio de Fonseca. 

Abrirán ás 11.15 coa intervención da presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra, que tratará sobre as 'Ensinanzas do Camiño de Santiago: Europa e as Universidades'. A seguir, o historiador da arte e comunicador cultural Miguel Ángel Cajigal Vera ofrecerá a conferencia 'O Camiño que conectou o saber e vertebrou Europa', que dará paso á mesa  redonda ' A visión dende as universidades do Camiño' na que tomarán parte Javier García Turza, profesor titular de Historia medieval, da Universidade da Rioxa; Pilar Alonso Abad, profesora titular de Historia da Arte da Universidade de Burgos; e José Alberto Morais, profesor titular de Historia da Arte e Estudos Medievais, da Universidade de León. 

A sesión matinal concluirá cun acto oficial presidido polo Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez. 

Na tarde as xornadas desprázanse ao Colexio de Fonseca, cun acto de benvida ás 16.00 horas que será presidido polo reitor da USC, Antonio López, e no que tomarán parte o conselleiro Román Rodríguez; o presidente da Conferencia de Consellos Sociais, Antonio Abril; o presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa; e a presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra.

A seguir, o secretario xeral da Conferencia de Consellos Sociais, Miguel Ángel Acosta, ofrecerá conferencia 'Novas normas: novos cometidos para Universidades e Consellos Sociais. Alain Casanovas, membro do grupo de traballo internacional sobre Compliance KPMG Global Legal Services Network, intervirá a continuación co relatorio 'Compliance no ámbito universitario: unha breve introdución ao reto'. E Andrés Mazaira e Isabel Díeguez, profesores de Organización de empresas e Márketing da Universidade de Vigo e directores do estudo sobre o impacto económico da UVigo na súa contorna, pecharán o programa de conferencias coa sesión 'E se comezamos a pór cifras ao valor das universidades?'. 

O programa completo das xornadas está dispoñible na ligazón https://jornadasconsejossociales.webs.uvigo.es/

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.04.2023.