Os grupos políticos con representación nos concellos de Santiago de Compostela e Lugo debaterán nos dous campus sobre cuestións que afecten á vida universitaria.
Coa finalidade de atender demanda da comunidade da USC de trasladar as súas cuestións, suxestións e demandas co gallo das eleccións municipais do 28 de maio,os campus de Santiago e Lugo acollerán dous debates entre as persoas candidatas ás alcaldías desa cidades.
O martes 11 de abril, a partir das 19.00 horas, o Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación en Compostela acollerá o primeiro dos faladoiros. Moderado polo profesor Xosé Ramón Pousa, e cunha duración de 90 minutos, contará coa participación de PSdeG-PSOE, PP, Compostela Aberta e BNG.
O acceso para asistir de xeito presencial será libre ata completar a capacidade do Auditorio e o evento será retransmitido en directo dende a canle oficial de YouTube da USC.
Estrutura do debate
Os debates estarán estruturados en catro bloques. Logo dunha presentación xeral a cargo da persoa moderadora, a primeira parte dos debates xirará arredor da relación institucional, é dicir, propostas para a simplificación das relacións institucionais no eido da xestión entre administracións e para a dinamización da relación entre tecido empresarial, cidade e universidade. A continuación, o faladoiro pasará a abordar propostas de convivencia dos desprazamentos da comunidade universitaria, dende unha perspectiva sustentable, cos plans de mobilidade da cidade.
A vivenda será o eixo sobre o que se artellará o terceiro dos bloques. Así os e as representantes poderán profundar en propostas para facilitar acceso á vivenda de aluguer na cidade nun contexto onde os domicilios destinados a outros usos fan diminuír, substancialmente, a oferta e obrigan aos estudantes a buscar outras opcións.
Finalmente, o debate pecharase cunha quenda libre no que cada participante poderá cerrar a súa intervención facendo un resumo de propostas. Ademais, repartiranse papeis ás persoas asistentes para que poidan escribir as súas preguntas, que formulará o moderador nunha rolda aberta de quince minutos. En cada un dos bloques, cada intervención individual terá unha duración de tres minutos.