O vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijoo Costa, preside o acto institucional que conmemora a festividade da ETSE

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC celebra a súa festividade o xoves 13 de abril cun acto institucional que comezarás ás 12.30 horas no Salón de Actos do centro.
O vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijoo Costa, presidirá o evento que contará tamén coas intervencións de Julia González Álvarez, directora da ETSE, e do secretario do centro, Óscar Rodríguez Figueiras, quen presentará a Memoria de Actividades da Escola no curso 2021-22.
Este ano será Luz Castro Pena, doutora en Informática e co-fundadora e membro do equipo directivo de imaxin|software, a encargada de pronunciar a conferencia central do acto, que ten por título 'Alterxogos para o videomundo'. A seguir, a directora adxunta do CiTIUS, Paula López Martínez presentará o Premio Ángela Ruiz Robles á Excelencia Docente e Investigadora, que dará paso tamén á entrega dos Premios Extraordinarios Fin de Carreira, dos Mellores Expedientes, dos Mellores TFG e TFM e os Premios á Calidade Lingüística de TFG e TFM, ademais dos Premios Leonardo á Docencia e á Investigación, o Premio Altia ao mellor TFG no Grao de Enxeñaría Informática, o Premio ViaQUA ao mellor TFM no Mestrado en Enxeñaría Ambiental e o Premio DXC ao mellor TFM no Mestrado en Tecnoloxías de Analise de Masivos: Big Data.