A USC mantén aberto ata o 30 de setembro o prazo de inscrición na quinta edición das xornadas ‘XuvenCiencia para Profesorado’
A USC mantén aberto ata o vindeiro 30 de setembro o prazo de inscrición na quinta edición das xornadas ‘Xuvenciencia para Profesorado’, un programa impartido por profesorado universitario e orientado a formar a docentes de ensino medio na aprendizaxe e no manexo de diversos kits educativos de metodoloxía investigadora.
Nesta edición, os organizadores deste foro de achegamento e introdución á metodoloxía de I+D da comunidade educativa preuniversitaria ofertan un total de 50 kits, un material eductiva de temática e disciplinas diversas que entregarán de balde ao profesorado inscrito, que o poderá levar aos seus respectivos centros educativos para empregar nas aulas con alumnado de ensino preuniversitario.
Os diferentes kits educativos desenvolvidos por XuvenCiencia son Photonics Explorer, que permite desenvolver experimentos sobre a luz e a tecnoloxía da luz, Animal CSI, que posibilita actividades no eido da patoloxía veterinaria, como necropsias ou preparación de mostras; Vitroplant, un programa para tarefas relacionadas co cultivo in vitro de árbores; AquaLab (novo), ligado a actividades relacionadas coa xestión da auga e o seu consumo responsable, e RescueMe, un proxecto educativo orientado ao rexistro exhaustivo da memoria e a recollida e recuperación de testemuños e vivencias que acheguen datos significativos ao coñecemento histórico e cultural.
As xornadas ‘XuvenCiencia para Profesorado’, que son parte do proxecto ‘XuvenCiencia - Fago, logo aprendo’, que conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, ofertan un máximo de 75 prazas e contempla a celebración de diversas sesións de formación.
Estas xornadas, que se desenvolverán en quenda de tarde, de 17 a 21.00 horas, os venres 19 e 26 de outubro de 2018, 18 de xaneiro e 22 de marzo de 2019, estarán impartidas por docentes universitarios e persoal investigador. As persoas interesadas en participar nesta actividade de formación poden formalizar xa a súa inscrición a través do formulario dispoñible na web de XuvenCiencia.