O dramaturgo e director teatral Sergio Blanco imparte este seminario promovido pola área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC

O GRC de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC promove ao abeiro do Proxecto PERFORMA un seminario co dramaturgo e director teatral Sergio Blanco. Co título 'A autoficción: unha enxeñaría do eu', desenvolverase o 18 de abril das 10 ás 14 horas na Sala B13 da Facultade de Filoloxía. Esta actividade está reservada ao profesorado e o alumnado de mestrado e doutoramento. As inscricións deben realizarse a través de correo electrónico dirixido a gabriela.rivera [at] usc.es (gabriela[dot]rivera[at]usc[dot]es).
Sergio Blanco
Dramaturgo e director teatral franco-uruguaio, Sergio Blanco viviu a súa infancia e a súa adolescencia en Montevideo e reside actualmente en París. Logo de realizar estudos de Filoloxía Clásica decidiu dedicarse de maneira total á escritura e á dirección teatral. As súas pezas foron distinguidas en reiteradas oportunidades con varios primeiros premios, entre eles, o Premio Nacional de Dramaturxia do Uruguai, o Premio de Dramaturxia da Intendencia de Montevideo, o Premio do Fondo Nacional de Teatro, o Premio Florencio ao Mellor Dramaturgo, o Premio Internacional Casa das Américas e o Theatre Awards ao mellor texto en Grecia. En 2017 e 2020, as súas pezas Tebas Land e La ira de Narciso reciben o prestixioso premio británico Award Off West End en Londres. A súa obra entra ao repertorio da Comedia Nacional de Uruguai en 2003 e 2007 coas súas pezas .45’ e Kiev e en 2022 coa súa obra O salto de Darwin. Entre os seus títulos máis coñecidos destácanse Slaughter, .45’, Kiev, Barbarie, Kassandra, O salto de Darwin, Tebas Land, Ostia, La ira de Narciso, El bramido de Düsseldorf, Cuando pases sobre mi tumba e Tráfico. Varias das súas obras foron estreadas no seu país e no estranxeiro, e a maioría delas traducidas a distintas linguas e publicadas en diferentes países. En marzo do 2022 estrea a súa peza Zoo no soado Teatro Piccolo de Milán que lle valeu o Premio ao mellor espectáculo estranxeiro e en decembro dese mesmo ano foi distinguido no seu país de orixe co Premio Morosoli de Prata pola súa Traxectoria. Nestes últimos anos os seus espectáculos percorreron os festivais internacionais do mundo enteiro e o seu teatro ao ser posto en escena nos cinco continentes convérteno nun dos dramaturgos da lingua española máis representado do seu tempo.