Organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Psicoloxía, mantén aberto o prazo de inscrición ata o 30 de abril

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Psicoloxía organiza as 'Xornadas sobre bilingüismo: o uso do galego na actividade profesional', un encontro que se desenvolverá o 3 de maio de 16.30 a 20.30 horas no Salón de Actos do centro e no que se tratarán os beneficios (e a necesidade) do uso da lingua galega con pacientes galegófonos no ámbito profesional da Psicoloxía.
No encontro, Montserrat Comesaña Vila, investigadora do Centro de Investigação en Psicologia da Universidade do Minho impartirá a conferencia 'Galegos polo mundo: o impacto do bilingüismo na cognición e a educación' e Mª Carmen Parafita Couto, investigadora María Zambrano da Universidade de Vigo e profesora titular no Center for Linguistics da Universidade de Leiden, ofrecerá o relatorio 'Cruzando fronteiras lingüísticas: dende o castrapo ata o spanglish'.
A seguir, Castor Méndez Paz, presidente da CNL da Facultade de Psicoloxía, moderará unha mesa redonda coas intervencións de Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia; Concepción Prado Álvarez, orientadora laboral do Concello de Fene; e Xaquín Loredo Gutiérrez, técnico do Seminario de Sociolingüística da RAG e xerente de Ágora Aberta.
A asistencia é de balde previa inscrición, que pode cursarse ata o 30 de abril a través da Secretaría Virtual da USC.