Pasar al contenido principal

I Simposio sobre Memoria Pública e Posteridade Literaria: Rosalía de Castro e Gustavo Adolfo Bécquer

24 e 25 de abril de 2023

Santiago de Compostela
Sala de Videoconferencias B13 (sesións matinais - abertas ao público)
Sala 114 (sesión de tarde)

Vinculado ao proxecto LIMCE, o Simposio conta co apoio do Grupo en Teoría da Literatura e Literatura Comparada e do PAIX en Humanidades e Ciencias Sociais da USC

Cartel do Simposio
Cartel do Simposio

Os vindeiros días 24 e 25 de abril, na Facultade de Filoloxía da USC, terá lugar o 'I Simposio sobre memoria pública e posteridade literaria: Rosalía de Castro e Gustavo Adolfo Bécquer'. Por unha banda, o encontro proponse analizar comparativamente a figura dos dous escritores, para alén dos lugares comúns que adoitan acompañar a súa recepción crítica como representantes do romanticismo serodio. Por outra banda, o Simposio abordará os mecanismos por medio dos cales as institucións culturais dos séculos XIX e XX, así como os legatarios de Rosalía e Bécquer, tentaron construír unha memoria pública a partir do patrimonio literario xerado polos dous escritores.

O encontro acollerá conferencias plenarias dos profesores Catherine Davies (University of London), Marta Palenque (Universidad de Sevilla), Fernando Cabo (USC) e Germán Labrador (Princeton University). Asemade, contará coa celebración de dúas mesas redondas. A do día 24 abordará as estratexias de memorialización, coetáneas ou post-mortem, en Rosalía e Bécquer, mentres que a do día 25 afondará na construción da imaxe literaria dos dous autores nos documentos de época, así como na recepción do Panteón de París por parte dos escritores do século XIX. As sesións de mañá son abertas ao público e celebraranse na Sala de Videoconferencias B13.

Vinculado ao proxecto LIMCE, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, o Simposio conta asemade co apoio do Grupo en Teoría da Literatura e Literatura Comparada e do PAIX en Humanidades e Ciencias Sociais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.04.2023.