Pasar al contenido principal

Ciclo de Conferencias 'Coñecemento e Cidadanía'

'A Filosofía Política ante a revolución dixital'

27.04.2023 | 16.00h

Santiago de Compostela
Salón de Actos

O profesor José María Hernández Losada (UNED) imparte o segundo relatorio deste ciclo promovido polo Mestrado en Filosofía: Coñecemento e Cidadanía da USC

Cartel da actividade
Cartel da actividade

A segunda sesión do ciclo de conferencias 'Coñecemento e Cidadanía' terá lugar o 27 de abril ás 16.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC. 

José María Hernández Losada, profesor de Filosofía Política na UNED impartirá entón o relatorio 'A Filosofía Política ante a revolución dixital',  e afondará  nos retos e oportunidades que esta supón para as sociedades contemporáneas.

A hipótese de partida é a transformación do mundo da vida pola aparición das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) por un lado e a intelixencia artificial (IA) por outro. Aínda que esta revolución comezou nos anos 50 -en plena Guerra Fría-, cobrou forza nas dúas primeiras décadas deste século XXI e todo parece indicar que só estamos nos albores dunha nova gran transformación no campo da cultura e da política. A pregunta que moitos se fan é que efectos terá no benestar humano en xeral e, en particular, se a sociedade que xurde desta revolución -que moitos comparan coa invención da imprenta no século XV- pode ser un sociedade democrática como a coñecemos agora. 

A asistencia á conferencia é libre ata completar a capacidade da sala.

José María Hernández Losada

Profesor titular da Universidade Nacional de Educación a Distancia dende o ano 2002, onde, ademais da docencia de Filosofía Política, dirixe o Departamento de Filosofía e Filosofía Moral e Política, despois de ter coordinado o programa de doutoramento en Filosofía na Escola Internacional de Doutoramento da UNED. 

Desde o punto de vista da investigación en filosofía, tratou preferentemente cuestións relacionadas coa política, tanto desde a perspectiva contemporánea como desde o punto de vista das súas relacións coa historia intelectual. É autor do libro The Portrait of a Mortal God. Retrato de un dios moral. Estudio sobre la filosofía política de Thomas Hobbes (Anthropos), e, xunto co historiador británico Anthony Pagden, publicou The Enlightenment and its enemies. Dos ensayos sobre los orígenes de la Modernidad (Península). Tamén tratou algúns aspectos da filosofía iberoamericana e, en moitos outros traballos ao longo destes anos, temas centrais para a filosofía práctica como a tolerancia, a ética pública e a democracia. Entre os seus últimos traballos destacan os títulos: Ética pública y resiliencia democrática (2021), Europa, América y el  miedo (2020) e Constantia in publicis malis: sobre goberno, corrupción y democracia (2019). 

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.04.2023.