O CiTIUS celebra o vindeiro xoves 27 de abril unha xornada de portas abertas dedicada a estudantes de grao e mestrado da USC

O CiTIUS convida o estudantado da Universidade de Santiago a coñecer a súa investigación o xoves 27 de abril. Das 12.00 ás 13.30 horas, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC abre as súas portas e brinda a a oportunidade de explorar de primeira man o traballo innovador que nel se desenvolve e coñecer as investigadoras e investigadores responsables, figuras referentes nas súas respectivas áreas científicas.
A visita comezará coa benvida do director científico do centro, Senén Barro, quen fará unha breve introdución do labor científico que se está a desenvolver no centro de investigación de referencia en Galicia no ámbito da Intelixencia Artificial. A continuación, as e os visistantes poderán coñecer tres liñas de investigación de máxima actualidade: enxeñaría e ciencia de datos en contornas científicas e industriais, os retos da intelixencia artificial fiable e o procesamento hiperespectral para a análise de imaxe aérea e satelital.
Ademais, a visita permite acceder aos laboratorios e infraestrututuras, entre as que figuran o Laboratorio de Robótica, o Laboratorio de Microelectrónica e o Laboratorio de Realidades Intanxibles (Realidade Virtual).
A participación é gratuíta previa inscrición ata completar as 70 prazas dispoñibles.