Pasar al contenido principal

A colección Esenciais incorpora quince novos títulos

A Libraría Dixital da USC alberga máis de medio cento de títulos. FOTO: Santi Alvite
A Libraría Dixital da USC alberga máis de medio cento de títulos. FOTO: Santi Alvite
Trátase do resumo dunha materia ou parte significativa dela, de modo que este material acabe converténdose nunha guía de referencia que acompañe o alumnado no proceso de aprendizaxe dos seus contidos en galego
Lugo, Santiago de Compostela

Un total de quince novos títulos pasan a integrar a colección Esenciais, impulsada dende o Servizo de Normalización Lingüística da USC, e que pretende ser un recurso que sirva para apoiar o traballo do profesorado e do alumnado nos seus diferentes papeis. Trátase de resumir, en moi poucas follas e en galego, unha materia ou unha parte significativa dela, de modo que este material acabe converténdose nunha guía de referencia que acompañe o estudantado no proceso de aprendizaxe dos contidos. Os novos títulos poden xa ser adquiridos a través da Libraría Dixital da USC.

Os novos títulos son: Configuracións electrónicas de átomos e ións: relación con algunhas das súas propiedades; Análise térmica: métodos calorimétricos. Calorimetría diferencial de varrido (DSC); Series de Fourier: introdución ás ecuacións en derivadas parciais; Fisioloxía humana: a coagulación sanguínea; Nutrición e alimentación animal: condición corporal na vaca de leite; Cría e saúde animal: cualificación morfolóxica na vaca de leite; Física I: introdución á dinámica do sólido ríxido; Historia de Roma: sociedade; Dereito procesual penal: o Ministerio Fiscal; Dietoterapia e soporte nutricional I: sobrepeso e obesidade; Cribaxe, prevención e tratamento dietético; Xeoloxía: as rochas de Galicia; Simulación no cálculo de probabilidades: unha aplicación a ránkings de páxinas web; Avaliación da eficacia de probas diagnósticas na detección da COVID-19: sensibilidade, especificidade e valores preditivos; Inferencia estatística paramétrica I: intervalos de confianza e contrastes de hipóteses para unha poboación e Inferencia estatística paramétrica II: comparación de poboacións.

A colección arrancou en 2019 cunha proposta piloto de sete títulos, para posteriormente constituírse un consello editorial responsable da elaboración do regulamento de avaliación de propostas. Na actualidade, a Libraría Dixital da USC alberga máis de medio cento de títulos desta colección, a maioría dos cales poden ser descargados de balde ou consultados en liña. “Os Esenciais constitúen un resumo executivo do curso con información veraz e contrastada fronte a fontes dixitais non verificadas e serven para mellorar a comunicación lingüística en galego no eido científico na Universidade”, apuntan dende o Servizo de Normalización Lingüística.

Convocatoria aberta

Ata o día 23 de maio ás 14.00 horas, tal e como establecen as bases da convocatoria, poden presentarse novas propostas de títulos para ampliar esta colección da USC. A Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación apoia a publicación de quince novos Esenciais a cargo de Persoal Docente e Investigador da USC a título individual ou en grupos de ata un máximo de tres. Tanto no caso individual como no de grupo cómpre que polo menos unha das persoas participantes sexa profesorado con vinculación permanente da USC. No caso de profesorado con vinculación non permanente deberá verificar que no POD do curso actual figure que se atopa impartindo docencia expositiva ou interactiva en lingua galega.

Cada persoa autora ou grupo de autores poderá presentar un máximo de dúas propostas. Os Esenciais que se presenten a esta convocatoria deberán dirixirse preferentemente a fornecer de maneira didáctica e resumida conceptos esenciais dunha materia ou grupos de materias dos primeiros cursos de graos universitarios. Valorarase tamén que poidan ser utilizados en estudos de bacharelato.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.04.2023.