Pasar al contenido principal

Seminario con Ignacio Ramonet

'O mundo en 2023: Anatomía dunha policrise'

25.05.2023 | 12.00h

Santiago de Compostela
Auditorio

O Grupo de Estudos Audiovisuais da USC promove este seminario co xornalista, investigador e docente Ignacio Ramonet

O Grupo de Estudos Audiovisuais da USC promove este obradoiro con Ignacio Ramonet
O Grupo de Estudos Audiovisuais da USC promove este obradoiro con Ignacio Ramonet

Ignacio Ramonet, doutor honoris causa da USC en 2003 a proposta da Facultade de Ciencias da Comunicación, volve á USC para ofrecer un obradoiro que profunda nos aspectos cruciais da política contemporánea.  Co título 'O mundo en 2023: Anatomía dunha policrise', terá lugar o xoves 25 de maio ás 12.00 horas no Auditorio da Facultade de Comunicación con asistencia libre ata completar a capacidade da sala. 

Máis información, na web do Grupo de Estudos Audiovisuais.

O mundo en 2023: Anatomía dunha policrise

Cando a humanidade comezaba a albiscar unha saída á crise da pandemia ocasionada pola Covid-19, o estourido da guerra en Ucraína mergullouna de novo nun conflito de dimensións mundiais tanto nas súas repercusións económicas como xeopolíticas e militares. Nun momento no que non é posible desbotar unha futura escalada da violencia, este seminario conducido por Ignacio Ramonet procura explicar e clarificar a actual ecuación xeopolítica mundial nas súas diversas arestas e expor unha grella de lectura documentada dos acontecementos en curso.

Ignacio Ramonet

Doutor en Semioloxía e Historia da Cultura pola École des Hautes Études en Sciences Sociales (EHESS) (Facultade de Estudos Superiores en Ciencias Sociais, París) e profesor emérito de Teoría da Comunicación na Universidade Denis-Diderot (París-VII), é doutor honoris causa de cinco universidades internacionais  (Santiago de Compostela, Rosario, Córdoba, A Habana e Santo Domingo). Especializado en Xeopolítica e Estratexia Internacional, consultor da ONU, fundador do Foro Social Mundial -e creador do seu lema 'Outro Mundo é Posible'-, fundador da ONG Media Watch Global e fundador e presidente de Honra de Attac.

Ignacio Ramonet recibiu innumerables premios, distincións e recoñecementos, entre eles varios de Xornalismo (o Rodolfo Walsh, de Arxentina; o Antonio Asensio, de España; o Feliz Elmuza, de Cuba); a Medalla de Ouro do Senado francés; e o recoñecemento (Proclamation) do Senado e da Cámara de Representantes dos Estados Unidos "polas súas extraordinarias achegas como escritor, catedrático, xornalista e crítico". Ditou conferencias e foi director de seminarios en distinguidas universidades de todo o mundo. É autor dunha trintena de libros, todos traducidos a diversas linguas. Entre eles, Como nos venden a moto (con Noam Chomsky); Un Mundo sen rumbo; A tiranía da comunicación; Propagandas silenciosas; Guerras do Século XXI; A crise do século; A explosión do xornalismo; O Imperio da vixilancia; A era do conspiracionismo, e de dous best-sellers mundiais: Fidel Castro, biografía a dúas voces e mais Hugo Chávez: A miña primeira vida.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.05.2023.