Un obradoiro internacional explorará a investigación en protonterapia

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, coordina para os días 9 e 10 de maio un obradoiro científico internacional sobre as oportunidades tecnolóxicas e de investigación aplicada que se abren diante da futura apertura do Centro Galego de Protonterapia no complexo hospitalario compostelán. Durante os dous días, no Centro de Estudos Avanzados (CEA) do parque de Vista Alegre describiranse as claves científicas e tecnolóxicas arredor desta terapia. O comité organizador, composto por persoal do IGFAE, pretende do mesmo xeito, que a reunión impulse unha futura rede de traballo que implique o persoal e persoas usuarias das futuras instalacións.
A construción do Centro de Protonterapia permitirá que a poboación galega teña acceso a esta innovadora tecnoloxía médica. Con este tratamento conséguese reducir o dano causado pola radiación en tecidos sans, minimizando así os consecuentes efectos secundarios, grazas ao uso de protóns en vez de fotóns, que confiren á técnica unha maior precisión no tratamento de tumores.
Neste sentido, disciplinas aplicadas, como a Física médica, xogan un papel clave no futuro desenvolvemento deste Centro. A reunión que se celebra en Santiago contará coa presenza de expertas e expertos nos aspectos técnicos e de I+D+i das infraestruturas de protonterapia e na súa integración e aplicación no sistema sanitario, así como de representantes e persoal experto da área clínica.
Doenzas neurodexenerativas
Entre outros aspectos, a reunión remarcará a necesidade de dispoñer de espazos para a investigación científica dentro do propio Centro de Protonterapia para acadar a mellora continua no deseño da terapia sen obstaculizar a actividade cotiá na administración do tratamento a pacientes. Do mesmo xeito, describiranse as potenciais aplicacións da técnica en doenzas neurodexenerativas ata agora incurables, como o alzhéimer, o párkinson ou a enfermidade de Huntington.
A reunión, que xa confirmou máis de 50 asistentes, conta no comité organizador cos membros do IGFAE Antonio Fernández Prieto, Dolores Cortina Gil, José Benlliure Anaya, Pablo Cabanelas Eiras, Pablo Vázquez Regueiro e Iris García Rivas (que desenvolve actualmente o doutoramento industrial coa empresa Triple Alpha na USC).