Pasar al contenido principal

USC e Fundación Caixa Rural Galega Notario Vacas convocan dous contratos predoutorais no eido agroforestal

Alberto Cepeda, Manuel Varela, Antonio López, Elvira López e Salvador Cid, na presentación do convenio na sede central de Caixa Rural Galega
Alberto Cepeda, Manuel Varela, Antonio López, Elvira López e Salvador Cid, na presentación do convenio na sede central de Caixa Rural Galega
O reitor Antonio López e o presidente de Caixa Rural Galega e vicepresidente da fundación, Manuel Varela, presentan o acordo que busca potenciar a investigación e a innovación sustentable do Campus Terra da USC nas áreas de producción vexetal e agricultura, produción e saúde animal, alimentación segura e saudable e xestión forestal
Lugo

A USC e a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas convocan dous contratos predoutorais orientados a potenciar a I+D e a innovación sustentable do Campus Terra nas áreas de produción vexetal e agricultura, produción e saúde animal, alimentación segura e xestión forestal, segundo presentaron este mércores na sede central de Caixa Rural Galega en Lugo o reitor da USC, Antonio López e o presidente de Caixa Rural Galega e vicepresidente da fundación, Manuel Varela, no marco dun acto no que tamén participaron Salvador Manuel Cid e Alberto Cepeda, en calidade de membros do padroado da fundación, e a delegada do Reitor da USC para o Campus Terra, a profesora Elvira López Mosquera.

Este primeiro acordo de colaboración entre a USC e a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas permitirá incrementar a capacidade da USC para dotarse de persoal investigador, así como facilitar a persoas xa tituladas a posibilidade de realizar unha actividade investigadora remunerada que permita así mesmo a obtención dun título de doutoramento, segundo se puxo de manifesto no acto de presentación desta iniciativa.

O obxectivo compartido das entidades implicadas é o de contribuír á promoción e mellora da actividade investigadora, o desenvolvemento e a innovación universitaria, así como a calidade da educación superior, e en xeral do avance da sociedade a través da formación de novo talento científico e tecnolóxico, subliñou Manuel Varela.

O reitor da USC, Antonio López, reiterou na súa intervención o agradecemento á nova achega recibida de Caixa Rural Galega a través dun acordo perfectamente aliñado cun dos obxectivos do Campus Terra da USC, que non é outro que o de fomentar novas vocacións investigadoras e formar doutores e doutoras que permitan acometer con garantías o relevo xeracional do cadro docente.

Os contratos predoutorais ofertados en virtude deste convenio teñen unha duración de tres anos e a dotación económica será integramente sufragada pola Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas. A USC será a encargada de realizar a convocatoria, así como de realizar as contratacións e dar soporte á actividade investigadora das persoas contratadas. A institución académica será tamén a responsable de conformar a comisión de avaliación encargada de valorar as candidaturas presentadas e na que tamén participará un representante da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas.

Poderán concorrer á obtención destes contratos aquelas persoas que estean en posesión dun título universitario de grao ou equivalente e de mestrado universitario ou equivalente que vaian realizar un plan de investigación nalgunha dos catro eixos establecidos na convocatoria, todos eles relacionados co mundo agroalimentario e forestal e a sustentabilidade como eixo transversal. As áreas de investigación obxecto desta convocatoria son produción vexetal e agricultura sostible, produción e saúde animal sostible, alimentación segura e saudable e xestión forestal sostible.

A apertura desta convocatoria de contratos predoutorais impulsada conxuntamente pola USC coa Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas publicarse na sede electrónica da USC, na que todas as persoas interesadas poderán presentar as súas respectivas solicitudes. O prazo de presentación de candidaturas será de 20 días desde a publicación da convocatoria na sede electrónica da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.05.2023.