Un foro abordou as implicacións do cambio climático na acuicultura

O Instituto de Acuicultura (IA) e a Agrupación IAQUS acaban de organizar un evento de transferencia de coñecemento ao sector da acuicultura sobre as implicacións do cambio climático nos episodios de patoloxías do futuro ante un escenario de quecemento global. O seminario, solicitado expresamente pola empresa Stolt Sea Farm, líder no sector da piscicultura a nivel internacional, foi organizado polo director do IA e coordinador do IAQUS, Carlos Pereira, e impartido polo propio organizador –abordando o ámbito das patoloxías virais–, e polos catedráticos Beatriz Magariños, experta en patoloxías bacterianas, e Jose Leiro, experto parasitólogo). Por parte da empresa, asistiron os técnicos da área de Saúde e de I+D de diversas plantas de cultivo, así como os responsables das mesmas.
O evento prestouse a un amplo debate en torno á necesidade de colaboración máis intensa entre o sector e o IA-IAQUS para potenciar o coñecemento mutuo e achegar ferramentas de resiliencia de cara ao avance do cambio climático e o seu efecto sobre a piscicultura industrial.