Pasar al contenido principal

O Día das Letras Galegas na USC sumarase á homenaxe a Francisco Fernández del Riego

Francisco Fernández del Riego
Francisco Fernández del Riego lendo o discurso de resposta a Álvaro Cunqueiro en nome da RAG o día do ingreso do escritor mindoniense na Academia. Foto: Arquivo da Real Academia Galega
O acto institucional que se desenvolverá o vindeiro martes 16 no Colexio de Fonseca servirá de marco para presentar a obra coordinada por Henrique Monteagudo e Xosé M. Salgado. O volume repasa a traxectoria do homenaxeado como líder dun efervescente movemento estudantil e o seu rol na galeguización da Universidade
Lugo, Santiago de Compostela

A USC súmase á homenaxe que o Día das Letras Galegas 2023 rende á figura de Francisco Fernández del Riego cun acto institucional que se desenvolverá o vindeiro martes 16, ás 12.00 horas, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. A sesión, presidida polo reitor Antonio López, servirá de marco para a presentación da obra Francisco Fernández del Riego. Ao meu xeito rebelde, editada polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC.  

O lema ‘Ao meu xeito rebelde’ define como o propio Fernández del Riego consideraba a súa actitude vital. Nacido en Vilanova de Lourenzá, o 7 de xaneiro de 1913, a súa figura “proxecta unha luz inmensa sobre a cultura galega contemporánea, como intelectual, editor, ensaísta e activista”, tal e como afirman dende a coordinación da obra que corre a cargo de Henrique Monteagudo e Xosé M. Salgado. Licenciado en Dereito en 1935 pola USC, o golpe de Estado posterior e a conseguinte Guerra Civil afastárono para sempre das aulas universitarias.

Este libro pon o foco na súa traxectoria como líder dun efervescente movemento estudantil durante os anos de entusiasmo republicano, especialmente nunha das tarefas en que máis se empeñou: a galeguización da Universidade. A obra conta con textos de Camiño Noia Campos, Xesús Alonso Montero, Víctor F. Freixanes e Ramón Nicolás Rodríguez, alén das achegas dos propios coordinadores.

Membro da nova xeración de intelectuais que lle deron continuidade ao ideario do Grupo Nós, Francisco Fernández del Riego foi un loitador cultural incansable e unha das figuras centrais do galeguismo, cunha traxectoria polifacética e prolífica que abrangueu dende a política, a creación e crítica literaria á edición. A comezos dos anos 50 foi un dos fundadores da Editorial Galaxia e na última etapa da vida presidiu a Real Academia Galega (1997-2001). Del Riego finou en Vigo no ano 2010.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.05.2023.