Unha xornada técnica sobre a eficiencia das granxas de leite cita na EPS de Enxeñaría a máis 50 técnicos e profesionais do sector

A eficiencia das granxas de vacún de leite este venres no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, a temática das xornadas técnicas ‘Granxas de leite. Podemos ser máis eficientes?’, un foro organizado polo grupo de investigación Proxectos e Planificación (Proepla) da USC en colaboración coa Consellaría de Medio Rural da Xunta de Galicia.
O obxectivo destas xornadas é o da transferencia de coñecemento para así contribuír a mellorar o futuro do sector agrario galego e, nomeadamente, do sector leiteiro, segundo sinalou o catedrático da USC e coordinador do grupo Proepla, Manuel Francisco Marey, quen expresou a súa satisfacción pola participación neste foro de máis de medio centenar de técnicos e produtores do sector primario.
O programa das xornadas comezou cun acto inaugural no que a adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, o Xefe do Servizo de montes da Consellería do Medio Rural en Lugo, Xabier Bruña; o director da EPS de Enxeñaría de Lugo, Tomás Cuesta, e o catedrático da USC e coordinador do Proepla, Manuel Francisco Marey, deron a benvida a todo o público participante.
O profesor da Universidade de Córdoba Paco Maroto abrirá quenda de relatorios cunha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘Tecnoloxías de precisión en vacún de leite’, que poderá seguirse a través de videoconferencia. De seguido, Juan Caínzos, de Elanco, tratará na súa exposición a saúde animal como fonte de beneficios para o gandeiro.
A optimización do aproveitamento dos forraxes para gando e as novas tecnoloxías de precisión dispoñibles será o tema do que falará Raquel Cortesao, de Pionner. Henrique Prado, de Alltech, pechará a quenda de intervencións matinais cunha exposición sobre eficiencia e saúde dos ruminantes.
Xa en quenda de tarde, as xornadas sobre eficiencia nas granxas de leite, un foro no que o grupo empresarial Aresa tamén presentou unha nova liña de fertilizantes, continuaron cun relatorio sobre mellora da eficiencia proteica a través da alimentación, a cargo de Javier López, de Kemin. De seguido, o asesor veterinario Ángel Ávila falará sobre a sustentabilidade na formulación de dietas de vacas leiteiras. Un coloquio aberto ao debate e á presentación de propostas e suxestións, guiado polo Xefe do Servizo de montes da Consellería do Medio Rural en Lugo, Xabier Bruña, serviu de colofón da xornada.
De esquerda a dereita, Cuesta, López, Bruña e Marey, na apertura das xornadas