Aberto ata o 31 de maio o prazo para matricularse nas probas para obter o Goethe-Zertifikat de alemán

O Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC mantén aberto ata o 31 de maio o prazo para inscribirse nas probas para obter o Goethe-Zertifikat de alemán nas modalidades A1 (Start Deutsch 1), A2, B1 (completo e por módulos), B2 (completo e por módulos)e C1 (completo). A matrícula realizarase en liña a través da Secretaría Virtual.
As probas desenvolveranse ao longo do mes de xuño e teñen un número limitado de prazas, de tal xeito que se xa hai inscritas tantas persoas como prazas houbese dispoñibles, o sistema non permitirá formalizar a matrícula dando a opción de inscribirse na lista de agarda. No caso de haber prazas liberadas por renuncias das persoas matriculadas, e cando sexa tecnicamente posible aceptar unha nova matrícula, a aplicación avisa o alumnado rexistrado na listaxe de agarda por estrita orde do seu rexistro na aplicación.
O exame completo consta de catro partes, tal como está recollido nos correspondentes regulamentos de exame (Durchführungsbestimmungen) do Goethe-Institut. Para todo o que atinxe ao desenvolvemento das probas, estas rexeranse pola normativa xeral do Goethe-Institut (Prüfungsordnung).
Aquelas persoas que requiran algún tipo de adaptación de tempo e/ou medios para facer estes exames por algunha clase de impedimento físico ou doutra natureza deberán facelo constar no momento da matrícula, achegando o correspondente certificado por correo electrónico ao CLM (clm [at] usc.gal (clm[at]usc[dot]gal)).