O reitor Antonio López presidirá o acto de entrega de diplomas da promoción que en 2021 iniciou este programa de estímulo ao talento matemático

O vindeiro sábado día 20 de maio, o programa ESTALMAT- Galicia despide a súa 14ª promoción, que iniciou estudos en 2021. A xornada arrancará ás 11 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas cun relatorio de María Elena Vázquez Cendón, decana do centro e presidenta de Estalmat-Galicia, titulado 'A profesión de matemáticas onte e hoxe' ao que asistirán a promoción e as súas familias, membros do equipo docente e do comité organizador do programa.
Ás 12.30 horas iniciarase o acto oficial de entrega de diplomas, presidido polo reitor Antonio López. Nel participarán tamén a decana Vázquez Cendón e a coordinadora académica de Estalmat-Galicia, Sandra Díaz Mouro, quen formulará preguntas en tempo real ao estudantado que poderán responder a través dunha aplicación nos seus móbiles. No acto intervirán ademais Paula Rubio Ferreiro e Iván Gándara Buján, en representación do estudantado da promoción, e Juan Peralta, Rubén Portela e Isabel Buján, en representación das familias. O cadro de intervencións complétase coas de Raquel Seisdedos Hermo, en nome do equipo docente, e de representantes das entidades patrocinadoras, con Ana María Mejías Sacaluga, deputada de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial en representación da Deputación Provincial de Pontevedra; Blas García Piñeiro, deputado
de Promoción Económica e Asistencia a Municipios na Deputación da Coruña; e Judith Fernández Novoa, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, en nome da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
O Proxecto ESTALMAT-España conta co aval científico da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España. Está coordinador por integrantes da Facultade de Matemáticas da USC e docentes doutras áreas da institución , coa colaboración de matemáticas e matemáticos das universidades da Coruña e Vigo e de distintos centros de ensino secundario de Galicia. Conta cun financiamento específico da Consellería de Educación e Ordenación
Universitaria e das Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, e da Axencia Galega de Innovación.