Pint of Science achegará a ciencia á cidadanía de Lugo e Compostela os días 22, 23 e 24 de maio

O festival internacional Pint of Science aterra a vindeira semana nas cidades de Lugo e Santiago de Compostela coa intención de achegar a ciencia á sociedade da man do persoal investigador da USC, establecendo un vínculo de coñecemento, curiosidade e proximidade. Pint of Science trata de establecer unha comunicación eficaz, “de igual a igual”, entre persoal científico e público xeral, empregando os bares como escenario e proporcionando un contexto distendido e agradable que promova dita comunicación. O festival estenderase ao longo dos días 22, 23 e 24 de maio.
Lugo
‘A alfabetización científica contra a desinformación’ será o título do relatorio que abra o Pint of Science na cidade de Lugo. A charla correrá a cargo da investigadora Paloma Blanco Anaya e desenvolverase, ao igual que o resto de relatorios, a partir das 18.00 horas, na Cafetaría Noroeste. A continuación Montse Pena Presas abordará as científicas na literatura, mentres que Nerea Gandoy pechará a sesión do luns 22 con ‘Avatares, mutantes e amores’.
Rosa Romero Franco profundará no poder das plantas o martes 23. Xusto despois será a quenda de Gonzalo Fernández Rodríguez, quen disertará sobre as infeccións en animais. Finalizará a sesión Antonio Rigueiro co seu relatorio sobre árbores monumentais.
O Pint of Science botará o peche o mércores 24 coas intervencións de Ángela González Martínez, Emilio Díaz Varela e Santiago Pereira Lorenzo. A hiperactividade en cans, unha ‘check list’ para montar unha ‘merendola na lúa’, e os castaños xigantes resilientes en Europa serán os temas abordados nesta derradeira sesión.
Santiago
Compostela acollerá nas mesmas xornadas e novamente a partir das 18.00 horas, a versión santiaguesa do Pint of Science no bar cafetería Alborada de Veiga. As persoas que asistan o luns 22 poderán escoitar charlas distendidas que acometan o desenvolvemento de fármacos, a posibilidade de que non sexamos tan iguais como cremos, a vida máis alá da auga ou o chatGPT. Os relatorios correrán a cargo de Antón Leandro Martínez Rodríguez do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), José Manuel Amoedo Meijide do grupo de investigación ICEDE (Innovación, cambio estrutural e desenvolvemento), Adrián Sánchez Fernández do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) e Aldán Creo Mariño do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS).
O martes 23 Clara Landesa Gómez, investigadora do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, abordará os primeiros instantes do universo. A continuación, será a quenda de Francisco Javier Salgado Castro, do departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular, quen pronunciará o relatorio ‘O pecado antixénico: a primeira impresión conta”. Completarán a primeira xornada do Pint of Science compostelán Jeannette Rodríguez Pallares do CiMUS, Borja Aparicio Gil do CiQUS e Olga Barca Mayo, tamén do CiMUS. Os temas a tratar serán a rexeneración do cerebro, mirar o universo con gafas fluorescentes ou por que durmimos.
Na derradeira das sesións, o mércores 24, intervirán Francisco Javier Cardama do CiTIUS, Mayra Maritza Quemé Peña do CiQUS, María Pilar Prieto Martínez do grupo EcoPast, Francesc Yassid Ayyad Limonge do IGFAE e María José Carreira Nouche do CiTIUS. Novamente o chatGPT, a necesidade (ou non) de novos fármacos, entre cavernícolas e romanos, do mundo cuántico ao ollo e o debate actual sobre a intelixencia artificial integrarán a listaxe de temas abordados.