Conferencia de Mabel Moraña organizada polo grupo de Teoría da Literatura e Literatura Comparada (GI-1371)

O Grupo de investigación de Teoría da literatura e Literatura comparada da USC (GI-1371) organiza esta conferencia de Mabel Moraña, titular da Cátedra William H. Gass de Humanidades na Washington University in Saint Louis, enmarcada no Seminario permanente de Teoría literaria e Análise cultural. Baixo o título 'Necropoéticas, necropolítica e os labirintos do xénero', terá lugar o xoves 25 de maio ás 11.00 horas na Aula B13 da Facultade de Filoloxía. A asistencia é libre ata compleetar a capacidade da sala.
Ademais, o luns 5 de xuño entre as 10 e as 13 horas, a profesora Moraña ofrecerá un seminario aberto ao PDI e ao estudantado de doutoramento e mestrado na sala B13 titulado 'Cuestións migratorias. Des/re/territorializacións, postnacionalismo e a dislocación do suxeito'.
Pasaxes. Seminario permanente de Teoría literaria e Análise cultural é unha iniciativa do grupo de Teoría da literatura e Literatura comparada da USC en colaboración co Instituto de Investigaciones Bibliográficas da UNAM. Este ten por finalidade converterse nun foro propicio para o intercambio de ideas con especialistas en estudos literarios e culturais. Neste sentido, o seminario non só aposta por un mellor coñecemento dos avances teóricos e metodolóxicos que están a realizarse desde outros ámbitos e espazos de coñecemento, senón que tamén reivindica a necesidade dun pensamento situado e cooperativo para abordar problemáticas que sobrepasan calquera tipo de fronteira.