Pasar al contenido principal

VII Simposio Internacional da Castaña

26.06.2023-29.06.2023 | 10.00h

O catedrático da USC na EPS de Enxeñaría e vicepresidente da división de froitos secos da Sociedade Internacional de Ciencias Hortícolas (ISHS), Santiago Pereira, coordina o congreso que reunirá en Lugo persoal investigador de todo o mundo do 26 ao 29 de xuño

VII International Chestnut Symposium
VII International Chestnut Symposium

O VII Simposio da Castaña, un foro de análise e debate das últimas liñas de I+D e propostas de innovación arredor desta especie forestal promovido pola Sociedade Internacional de Ciencias Hortícolas (ISHS), reunirá persoal investigador de todo o mundo do 26 ao 29 de xuño na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría  (EPSE) do  Campus Terra da USC.

O coordinador do congreso e catedrático na EPSE Santiago Pereira Lorenzo subliñou que a celebración desta reunión científica na sede universitaria luguesa responde ao compromiso contraído entre a USC e a principal rede mundial da área de horticultura, unha organización independente que actúa como plataforma mundialmente recoñecida nos eidos da investigación, o intercambio de información científica e a colaboración a prol da innovación sustentable en horticultura.

A inauguración do evento terá lugar o luns 26 ás 10.00 horas e contará coas intervencións de Giulia Marino, presidenta da División de Froitos Secos (DNUT, polas súas siglas en inglés) da ISHS e investigadora da Universidade de California; do catedrático da USC e vicepresidente da DNUT Santiago Pereira Lorenzo; e de José Gomes Laranjo, presidente do Grupo de Traballo da Castaña da ISHS e investigador da Universidade Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD). 

A sétima edición deste encontro internacional celébrase en Galicia un cuarto de século despois do seu nacemento en Estados Unidos, e tras as desenvolvidas en Francia (1998) Portugal (2004), China (2008), Estados Unidos (2012) e Turquía (2014). Alén das sesións de conferencias e comunicacións para o intercambio de ideas e investigacións sobre o eido, no encontro que acolle o Campus Terra as persoas asistentes terán a oportunidade de visitar castiñeiros e contornas naturais de especial relevancia, entre elas as árbores xigantes.

Máis información na páxina web do congreso.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.06.2023.