Pasar al contenido principal

Sendeirismo

Ruta por Donón. Cabo Home

10.06.2023 | 09.00h-20.00h

Santiago de Compostela
Saída dende a Piscina Universitaria

O monte do Facho ou as praias de Barra e Melide son algunhas das fermosas paraxes que se poderán visitar neste itinerario que, ademais, permite divisar as illas Cíes e Ons e os faros de Cabo Home, punta Robaleira e punta Subrido.

Praia de Melide. FOTO: Javier Torres Pereira (CC BY-SA 3.0 ES)
Praia de Melide. FOTO: Javier Torres Pereira (CC BY-SA 3.0 ES)

O programa de sendeirismo da Área de Deportes da USC programa unha nova visita á Costa da Vela.

A ruta comeza en Hío, parroquia do concello de Cangas moi coñecida polo seu cruceiro (realizado por José Cerviño en 1872), situado na praza do Santo André diante da igrexa. Sairá da vila e transitará por camiños empedrados para chegar ao alto do monte Facho, pegado ao mar con 184 m de altitude e co seu impresionante castro. Nesta posición, pódese albiscar as illas Cíes e Ons.

Tras cruzar o lugar de Donón, a expedición collerá a senda costeira que leva á zona da praia de Melide. Logo de pouco máis dun quilómetro, as persoas participantes poderán vislumbrar tres fermosos faros: o de cabo Home, punta Robaleira e punta Subrido. A seguir, o camiño continúa ata a praia de Barra e, un pouco máis arriba de Viñó,  rematará a xornada.

A idea é parar a xantar ao carón da praia de Melide aproveitando a sombra dos seus piñeirais. Se se dan as condicións e houbese tempo pode ser un bo punto para refrescarse na praia.

A expedición, guiada por Víctor Fidalgo, sairá en autobús ás 9.00 horas dende a Piscina Universitaria de Santiago e volverá ás 20 horas (aproximadamente). 

A información sobre os prazos de inscrición das distintas categorías, as tarifas e descontos para a comunidade universitaria nas actividades de sendeirismo está dispoñible na web da actividade

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.06.2023.