Organizado por investigadores e investigadoras procedentes da Universidade de Santiago de Compostela, da Universidade da Coruña e da Universidade de Vigo

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) acollerá o X Encontro da Mocidade Investigadora (X EMI) os días 12 e 13 de xuño na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. Este evento desenvólvese, dende o ano 2012, co propósito de favorecer as dinámicas de colaboración, debate e difusión do coñecemento xerado entre estudantes de doutoramento.
0 acto de apertura, programado ás 09.30 horas, contará coa presenza da vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias Fernández; do director da EDIUS, Pablo Taboada Antelo, do director da EIDO-Uvig, Antonio Collazo Fernández; do subdirector da EIDUDC, Isaac Manuel Fuentes Boquete; e do decano da Facultade de Ciencias Económicas, Xoán Ramón Doldán García.
O X EMI está organizado por investigadoras e investigadores procedentes da USC, a UVigo ou a UDC e estará aberto a todo o estudantado de doutoramento destas universidades. O único requisito para participar neste encontro é estar matriculado ou matriculada en calquera programa de doutoramento dalgunha das universidade do Sistema Universitario Galego (SUG). As e os participantes terán a oportunidade de asistir e facer as súas contribucións a este evento, que durante dous días ofrecerá sesións de relatorios, pósters e mesas redondas.
No marco deste evento, procederase á concesión dos premios extraordinarios de doutoramento do curso 2020/2021, que serán entregados, a partir das 20.00 horas do martes 13 de xuño, polo reitor, Antonio López. Intres antes, a partir das 19.30 horas, dará comezo a cerimonia de clausura na que, ademais do reitor, participarán a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, e o director da EDIUS, Pablo Taboada Antelo.
O obxectivo destas xornadas, que en 2023 contan cun total de 232 persoas inscritas, é dar a coñecer as principais temáticas de cada campo de investigación, o que sen dúbida constituirá unha experiencia enriquecedora para tódolos doutorandos e doutorandas que se animen a participar. Así mesmo, o programa contempla a entrega de premios á mellor comunicación de cada área de investigación (Artes e humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura).
O X EMI ofrece unha oportunidade única para mostrar e discutir as investigacións propias cos demais compañeiros predoutorais, potenciando así novas ideas e oportunidades. En definitiva, este encontro constitúe un marco incomparable para favorecer as relacións entre membros da comunidade universitaria, apostando pola colaboración inter e multidisciplinar entre áreas de coñecemento.